Esta formación coruñesa móvese no eido da música popular galega, feita coa idea de facer bailar ao público, sempre tendo presente a ligazón permanente coa nosa tradición e folclore.

O grupo naceu no 2002 na aldea de Zorrizo, no concello de Arteixo, nunha xuntanza de amigos da que saíu a idea de subir aos escenarios. Co paso dos anos foron incorporando a novos compoñentes á banda, xa que comezaron como cuarteto e agora xa son trece as persoas que compoñen a formación, o que deu lugar a incorporar nova instrumentación que serviu para elaborar dun xeito diferente as pezas incluídas no repertorio.

Os catro acordeóns marcan o camiño sonoro, no que tamén teñen unha presenza activa dúas gaitas e diferentes percusións. No repertorio mesturan pezas instrumentais e cantadas e contan cun predominio de temas tardicionais, aínda que tamén aparecen catro composicións de autor.

O álbum saíu ao mercado grazas ao proxecto Outra+ outra, do que participan a Deputación da Coruña e a Fundación Paideia coa intención de ofrecer unha maior visibilidade aos grupos locais.