19 de octubre de 2011
19.10.2011

Unha vivenda de Bergondo gaña o Premio Juana de Vega de Arquitectura 2011

A casa, do arquitecto coruñés Antonio Pernas Varela, é distinguida polo seu "compacto deseño e boa distribución"E Dúas vivendas en Lavacolla e Poi, premiadas con accésit

19.10.2011 | 13:01
Unha vivenda de Bergondo gaña o Premio Juana de Vega de Arquitectura 2011

Unha casa de deseño ubicada en Bergondo gañou a edición anual dos Premios Juana de Vega de Arquitectura, entregados pola Fundación do mesmo nome. A casa, realizada polo arquitecto coruñés Antonio Pernas Varela, está situada na parroquia de Aldea de Arriba.

Os arquitectos do estudio Arrokabe, Óscar e Iván Andrés Quintela, recibiron un dos accésits pola súa casa ubicada en Sabugueira do Carballal, preto de Lavacolla (Santiago), e o segundo accésit foi a parar a Pablo Menéndez Paz, creador dunha moderna vivenda sobre o río Lérez en Caeira (Poio, Pontevedra).

Estes galardóns recoñecen o labor dos arquitectos que, cos seus proxectos, contribúen á mellora da calidade de vida do rural galego a través de propostas arquitectónicas contemporáneas que se integren no contorno natural adaptándose á paisaxe. O certame, de carácter anual, é o de maior dotación que se convoca en Galicia para proxectos de arquitectura, recoñecendo tanto vivenda unifamiliar de nova planta como de rehabilitación, rematada en Galicia no ano anterior á convocatoria, neste caso 2010.

A vivenda gañadora, situada en Bergondo e realizada por Antonio Pernas Varela, foi escollida polo xurado polo seu "compacto deseño, que engade calidade visual ao espazo próximo" e destaca tamén pola súa "distribución ben organizada con alternativas de mobilidade exterior e interior, e o bo criterio no emprego dos materiais".

En canto aos accésits, da obra de Óscar e Iván Andrés Quintela, en Lavacolla, o xurado recoñeceu o proxecto dunha "vivenda sinxela, feita con medios moi limitados, que parte dunha axeitada colocación sobre o terreo dispoñíbel" e resaltou "a forma e o resalte cromático, que enriquece o entorno rural, próximo ao Camiño de Santiago".

A casa que recibiu o segundo accésit, ubicada preto do río Lérez, en Poio, e construida por Pablo Menéndez Paz, foi escollida polo xurado polo seu aproveitamento "da pendente para estruturar en chanzos os espazos centrais tras grandes xanelas".

A Fundación Juana de Vega concedeu tamén unha mención especial como finalista destacada á obra de rehabilitación de Estefanía Vázquez Müller e Roi Feijoo Rei, no casco histórico de Ourense.

O presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez, salientou a vocación pedagóxica destes premios, indicando que é necesario dar a coñecer o que se fai ben. Destacou ademais a necesidade de premiar as apostas por unha arquitectura nova, que necesita propietarios que queiran innovar e mellorar o territorio que os arrodea con vivendas que son o mellor expoñente da arquitectura contemporánea galega. O decano do Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), Jorge Duarte, incidiu nesta idea manifestando que os traballos premiados constitúen grandes mostras da arquitectura do noso tempo, nun momento no que tanto a sustentabilidade como a economía de medios é fundamental, tendo en conta a crise.

Premio Juana de Vega. Vivenda en Aldea de Arriba (Bergondo, A Coruña).

. Arquitecto: Antonio Pernas Varela.

O xurado valora o seu deseño compacto, a distribución ben organizada con alternativas de mobilidade exterior.

Accésit. Vivenda en Caeira (Poio, Pontevedra).

. Arquitecto: Pablo Menéndez Paz.

O xurado destaca que a edificación se abre ao exterior e aproveita a pendente para estruturarse.

Accésit. Vivenda en Sabugueira do Carballal (Lavacolla, Santiago).

. Arquitectos: Óscar e Iván Andrés Quintela (Arrokabe Arquitectos).

Recoñécese o proxecto dunha vivenda sinxela feita con medios limitados e que enriquece o entorno rural.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario