Manuel Murguía dixo del que foi o primeiro poeta que escribiu en galego conscientemente no século XIX, e alcumouno El primero. Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) convertiuse nun pioneiro na literatura en lingua galega e neste ano se celebra o 200 aniversario do seu nacemento. Por iso, a Real Academia Galega e a Universidade da Coruña homenaxearon ao escritor cunha ofrenda floral e unha sesión académica.

Nunha tarde de vento e choiva, a rúa Nicomedes Pastor Díaz (na zona de Ramón y Cajal) encheuse de persoeiros da cultura galega e de música tradicional -acudiu á cita o Grupo de Gaitas do Coro Galego Cántigas da Terra- que lembraron a figura de Pastor Díaz e algunhas das súas obras. O presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, apuntou que este acto, na honra do escritor "romántico por excelencia", viña a recoñecer o traballo dun autor cuxos textos se inspiraron sempre no seu amor pola patria galega.

Comentou Ferrín a incursión de Pastor Díaz na política, "onde brilou antes da chegada de Castelar" e chegou a ser ministro de Estado no goberno de Leopoldo O' Donell. "Gozamos, gracias a el, de espazos recoñecidos da súa zona e de toda Galicia", apuntou o presidente da Academia respecto aos textos descriptivos da paisaxe galega do autor de De Villahermosa a la China.

Referiuse tamén á súa faceta como xornalista, onde cultivaba "artigos de alta voltaxe conceptual que calaban entre os seus afíns e os seus contrarios". Ferrín concluíu relatando a historia do alcume que lle puxo Murgúia a Pastor Díaz: "Chamoulle El primero, e foino, por máis que se fale de Sarmiento, de Cornide ou do primeiro crego de Fruime".

Trala intervención do presidente da RAG, o -por agora- reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, chamou a atención sobre un aspecto que Ferrín pasara por alto: "Nicomedes Pastor Díaz foi reitor da Universidade de Madrid, hoxe coñecida como Complutense, entre 1847 e 1850". A poetisa Luz Pozo Garza pechou as intervencións lendo un extracto do poema A Alborada, unha das pezas máis recoñecidas do escritor de Viveiro. A escritora dixo que a literatura de Pastor Díaz "aínda está moi presente" e recordou que Rosalía de Castro pedira a este autor que fixera o prólogo de Cantares gallegos, pero este morreu pouco antes de publicarse a obra.

Luís Caparrós, Emilio Ínsua, Henrique Monteagudo, Fausto Galdo e Xosé Ramón Barreiro falaron máis tarde na RAG sobre o autor.