A película galega Crebinsky será a protagonista absoluta do Festival d'un Jour, unha proposta de cine e música que terá lugar o próximo luns 12 de decembro en París. O festival, organizado pola asociación Espagnolas en París, concentra toda a súa actividade nun día, coa proxección dun filme, a celebración dun concerto, unha convención profesional e un encontro con universitarios. A película de Enrique Otero e producida por Control Z, Chévere Visión e ZircoZine centrará todas estas actividades, e trala súa proxección se celebrará unha conferencia á que asistirán o director e un dos protagonistas, Miguel de Lira.

O percorrido por festivais que Crebinsky -protagonizada por De Lira e Sergio Zearreta- emprendeu nos últimos meses levaráa tamén ao Lincoln Center de Nova York, onde se proxectará os días 18 e 22 de decembro dentro do ciclo Spanish Cinema Now, unha escolma da máis interesante produción audiovisual española do último ano.