Os Reis Magos non traen boas novas a Galicia este ano. Tampouco o facían fai 76, cando levaban ao máis alá a un galego insigne, Ramón María del Valle-Inclán. Precisamente, ao seu carón, no cemiterio de Boisaca, en Santiago, preto doutros compañeiros de viaxe como Antón Fraguas ou Aurelio Aguirre, repousarán dende hoxe os restos dun home que foi o derradeiro da súa estirpe: Isaac Díaz Pardo. Despois de 91 anos de existencia, o último intelectual galeguista do século XX rendeuse. Só unha neumonía complicada, que o mantivo ingresado no Hospital San Rafael de A Coruña dende o día 22, logrou arrebatarlle as forzas a un home que sempre dicía: "Ata que morra vou estar no lío". Coa súa desaparición apágase tamén a "luz da liberdade", esa que seu pai, Camilo Díaz, lle deixou en herdanza mediante un poema antes de ser fusilado. "Prendille na cabeza do meu fillo, unha estreliña forxada na irmandá", dicía, e engadía, "que vexan os demais dena estreliña a lus da libertá".

A sona que lle outorga Manuel Rivas de seren o home "máis querido de Galicia" non era inxustificada. Onte chovéronlle os recoñecementos unánimes de toda a sociedade galega, tanto dende o ámbito da cultura como dende o da política. Todos estiveron dacordo en recoñecelo como un mito cultural contemporáneo, un home comprometido cos valores democráticos e unha persoa irrepetible para Galicia.

Deseñador, ceramista, debuxante, empresario, loitador antifranquista e axitador cultural, pero por enriba de todo, como se definiría a si mesmo, coleccionista de "fracasos", Díaz Pardo veu ao mundo en 1920, fillo dun pai galeguista e creativo do que herdaría ámbolos dous talentos e unha "estrela" da que soubo mostrarse digno. E así foi, dende os seus primeiros pasos na casa da Tumbona, en Santiago, ata o seu pasamento no día de onte. No medio quedaron os estudos de Belas Artes en Madrid e anos adicados á pintura. Como acostumaba dicir el coa súa retranca, debuxou moitas mulleres, porque, dicía, os franquistas non eran inmunes aos encantos femininos. Sen embargo, marcharía a buscar a luz fóra, en Buenos Aires, seguindo os pasos doutros exiliados. Foi alí onde coñeceu a outro galeguista histórico, Luis Seoane, o gran referente da súa vida xunto a seu pai. Da unión das súas dúas mentes xurdiu o Laboratorio de Formas, matriz do que despois se convertiría no Grupo Sargadelos. Á súa volta a Galicia, Isaac abandonou a pintura e adicouse ao seu gran soño: facer país. Os exiliados contaxiáronlle outra teima: a memoria. Entre as institucións que creou para recuperar a memoria histórica atópanse o Instituto Galego de Información, o Museo Carlos Maside, o novo Seminario de Estudos Galegos, as Cerámicas do Castro e a fábrica do castro de Samoedo, Sargadelos. Esta foi a faceta máis coñecida do intelectual, de quen o escritor Manuel Rivas dixo que era "o home máis querido de Galicia", e a que marcou os seus últimos anos e o seu último "fracaso", ao ser apartado da dirección e da admnistración do grupo.

Dende entón chovéronlle premios e homenaxes, entre outros a Medalla de Galicia. Ao final da súa vida chegou a un acordo coa Cidade da Cultura para que custodie o seu valioso legado bibliográfico, documental, epistolar e gráfico.

Ademais das homenaxes en vida, Isaac recibiu onte, e recibirá ainda, homenaxes trala súa morte. Así, onte acudían ao tanatorio coruñés de Servisa para darlle o seu derradeiro adeus o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o secretario xeral de Medio, Alfonso Cabaleiro, ou o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez. Todos destacaron a figura dinamizadora do escritor e empresario finado.

Na capela ardente estiveron tamén amigos, como o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o arquitecto Andrés Fernández, o director da CGAI, Guillermo Escribas, ou o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez.

O expresidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, achegouse tamén ata o tanatorio, onde lembrou a súa figura como "indefinible" e suliñou o seu "amor por Galicia". "Un home como era de esquerdas era un home que non creaba fronteiras, que falaba con todos" e "é un exemplo a seguir", engadiu o expresidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro.

Os restos mortais do intelectual galego serán trasladados ao Museo do Pobo Galego, en Santiago, onde hoxe, a partir das 11.30 horas, se abrirá a capela ardente. Pola tarde, ás 17.00 horas, será soterrado no cemiterio de Boisaca, tamén en Santiago, xunto a outros galegos ilustres que o precederon no camiño.

"Estamos ao servicio do pobo galego porque era un home que formaba case máis parte do pobo que da súa familia. Así o asumimos. Entregámosllo a Galicia", explicou onte un emocionado fillo de Díaz Pardo, Camilo, sobre a organización da capela ardente hoxe, Día de Reis -entre as 11.00 e as 12.00 horas da mañá- no Museo do Pobo Galego. A familia quixo agradecer as xestións do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, para honrar a figura do intelectual galeguista, que finou onte aos 91 anos de idade despois de adicar case toda a súa vida a defender os intereses da cultura galega.

"El quería morrer devolto á terra. 'Saímos da terra e deberiamos volver', díxome xustamente. Camilo enfatizou onte ese acedo humor que o seu pai conservou ata o derradeiro minuto da súa vida. Durante o seu ingreso hospitalario, e en declaracións á Cadena SER, asegurou sobre o seu proxenitor: "De cabeza está ben, de ánimos, mal, porque sempre foi pesimista. Con ese fino humor nos di a todos e ao doutor: 'Estame dando menciñas para vivir...? Deme menciñas para morrer". Finalmente, Díaz Pardo finaba onte ás 08.30 horas conmocionando a toda Galicia.