06 de enero de 2012
06.01.2012
de bolina

Isaac, Xeración

06.01.2012 | 01:00

Non se torçera aquel fatal costume...?" Malia a implacable reiteración, a se manifestar arreo, día tras día, hora tras hora, o certo é que os seres humanos -un coida que todos os seres humanos, polo menos algunha vez no transcorrer da nosa existencia- chegamos a elaborar a sospeita de que si ten de resultar posible que caiba unha resposta positiva para aquela interrogación que propuxera o poeta. Daquela, vanamente contra Herácilito e mais o "Panta rei"; en balde face a evidencia de que nos mismos ríos entramos e non entramos, toda vez que vimos ser e vimos non ser os mesmos, damos en soñar con erguermos un alto muro infranqueable, muralla chinesa, unha sorte de liña Maginot inviolable para calquera exército invasor que diante dela se aventure: deste xeito, concluímos que acaso, e aínda que por unha única ocasión, as leis do universo, o teimudo operar da bioloxía desesperen do seus propósitos e "a ley que iguala do morrer na sorte os altos Reis, co os baijos labradores" tan só represente un pesadelo escuro e antigo. "Vanamente contra Héráclito..." De certo tan vanamente?

Por volta de 1991, o autor destas liñas tivo a honra de compartir con Isaac Díaz Pardo o pracer da co-presentación de "O río do tempo", a "historia vivida", orixinal de Francisco Fernández del Riego. Hoxe, máis de vinte anos despois desoutro serán inesquecible á beira de ambos os amigos, e cando recibo a triste nova do pasamento de Isaac, a memoria volve reconstruír xustamente un matinar, unha profunda arela que naquela xeira me ocupou: cómo perpetuarmos as ledas claves dunha xornada senlleira, cómo sermos quen de atinxir a harmonía invisible entre os graves e os agudos, bañarnos dúas veces na mesma ribeira, apropiarnos da auga e mais do lume.

Mais talvez aconteza que semellante procura veña responder aínda a esoutra maior percepción dos sentidos e a conciencia. O presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias vén de deliñala, ou intuíla, dalgún xeito -e pídolle desculpas a Cesáreo se a cita non resulta completamente exacta-: "Isaac Díaz Pardo era o irmán máis vello da nosa xeración". A simple vista, tal testemuño podería devir para algúns algo así como a proclama dun exceso; porén, se habemos de ser capaces de descifrar todo o sentido que depoñen as palabras do presidente da AELG, non cabe máis que concordar plenamente con elas. Tal e como o seu amigo Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo foi -é e será- de seu un irmán máis vello desa única xeración, río poderoso do tempo, asentada sobre os vértices do país galego: a única e duradeira xeración dos Sarmiento, Faraldo, Rosalía, Curros, Pondal, Murguía, Castelao, Bóveda, Celso Emilio... e tantos outros nomes cos que queremos, debemos e podemos -e si que podemos, a pesar de todas as incertidumes!- conformar sólida, xenerosa irmandade. Por todos eles, xa que logo, si paga a pena considerar que a bioloxía non teña razón nin forza derradeira. Por todos eles, pola xeración de Isaac -que declaramos a nosa- é que lle cómpre escribir, permanecer, afirmar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario