Un goteo incesante de persoeiros da cultura e a política galega acudiron onte á capela ardente de Isaac Díaz Pardo, instalada no tanatorio Servisa de As Xubias (A Coruña). Dende Xosé Ramón Barreiro ata Emilio Pérez Touriño, todos quixeron dicirlle adeus a un referente indiscutible na loita pola identidade galega, un home que adoptou o papel de "músculo e pulmón" -como expresou o escritor Víctor Freixanes- para poñer en marcha a cultura de Galicia.

Pouco despois de coñecer a noticia, diversas autoridades visitaron ao intelectual galeguista -falecido onte aos 91 anos-, entre elas o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, que acudiu acompañado da concelleira de Cultura, Ana Fernández. Tamén o novo conselleiro de Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez, quixo amosarlle as súas condolencias á familia de Díaz Pardo, e fíxoo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro. Vázquez destacou a figura dinamizadora do escritor e empresario falecido, un "grande humanista, emprendedor, intelectual e artista, peza esencial da nosa cultura".

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) acudiron tamén pola mañá á capela ardente, á que co paso das horas se achegaban máis e máis familiares, amigos e achegados a Díaz Pardo, que amosaban o seu pesar polo acontecido e sinalaban que o corpo do artista compostelán estaba cuberto pola bandeira galega. Outros escritores como Xesús Alonso Montero, Miguelanxo Fernán Vello e Manuel Rivas trasladaron igualmente o seu sentimento á familia.

"Era un home indefinible que amou Galicia con paixón e que ía sempre un paso por diante dos demais. Era un home bo, leal e xeneroso, dos que é difícil atopar, e deixa unha gran pegada: debemos loitar por conseguir esa Galicia moderna, solidaria e avanzada coa que Isaac sempre soñou", comentou o ex presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, bo amigo do finado.

Os socialistas Carmen Marón, Javier Losada, Mar Barcón, Silvia Longueira, José Luis Méndez Romeu, Salvador Fernández Moreda e Pachi Vázquez foron algúns dos políticos que acudiron nas primeiras horas da tarde a Servisa. Tamén a exconselleira de Cultura do BNG, Ánxela Bugallo, e os alcaldes de Oleiros e Sada, Ángel García Seoane e Abel López Soto, se deixaron ver polo tanatorio coruñés.

O líder do Partido Socialista de Galicia, Pachi Vázquez, gabou a figura de Díaz Pardo e referiuse a el como "un home que representa a visión novedosa e o compromiso: compromiso político, de país, de futuro...". Vázquez revelou que lle transmitiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a idea de chegar a "un acordo para que Galicia lle preste as máximas honras a Díaz Pardo, aínda que creo que aínda sen falalo non haberá problema para conseguilo". Con respecto a eses actos de homenaxe, o líder socialista calificou ao falecido como "discreto e austero" e afirmou que "el seguramente non o querería así", pero considerou que a importante figura de Díaz Pardo merecía "que Galicia lle devolvese dalgunha maneira o que fixo por ela". "As xeracións vindeiras teñen que saber que, aínda que todos somos iguais, hai persoas que son distintas, como el", concluíu Vázquez.

O académico e expresidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro, comentou resignado que "morrer hai que morrer". "O importante é o que levas contigo e qu. deixes o deber cumprido", dixo. Neste senso, Barreiro apuntou que Díaz Pardo "cumpriu sobradamente e todos debemos aspirar a iso na vida". O historiador destacou o carácter transixente do falecido, de quen dixo que "sendo como era un home de esquerdas, sabía que Galicia necesitaba de todos e falaba con todo o mundo". "Nunca foi sectario nin separou a ninguén na construcción do país", dixo Barreiro.

Irrepetible e indefinible. Foron as palabras escollidas polo escritor Víctor Freixanes para definir ao artista e empresario santiagués, quen fundou xunto a Luis Seoane o Laboratorio de Formas -máis tarde nomeado como Grupo Sargadelos-. "Foi unha especie de músculo e pulmón da cultura galega do século XX. É imposible definilo, porque que é? Artista, empresario, activista cultural, intelectual, escritor, dibuxante, editor, cartelista, deseñador...?", preguntábase onte Freixanes. O director da editorial Galaxia concluíu dicindo que esta é unha perda importante: "Vánsenos os pais e a ver que facemos os fillos, que somos todos os galegos".

Os restos do intelectual galeguista trasladaranse ao Museo do Pobo Galego, onde se instalará a capela ardente a partir das 11.30 de hoxe.