José Luis Sampedro foi distinguido onte co título de Escritor galego universal, que destaca aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade humana e das culturas nacionais. O premio, que lle será entregado o próximo mes de maio, concédeo a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e recibírono con anterioridade autores da categoría de Mahmud Darwich, Elena Poniatowska, Juan Gelman ou Antonio Gamoneda.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a "alta calidade da literatura lúcida, profunda, radical e transgresora" de Sampedro, "impregnada do seu compromiso ético". A relación de José Luis Sampedro con Galicia comezou nos anos setenta do pasado século a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honor e coa que colaborou economicamente cunha mensualidade do seu soldo de senador por designación real nas primeiras cortes democráticas. A asociación que concede o galardón destaca que esta relación continuou especialmente a través da actividade universitaria do galardoado.

Nado en Barcelona en 1917, Sampedro, premio Nacional de las Letras Españolas 2011, iniciou a súa carreira literaria en 1939 coa novela La estatua de Adolfo Espejo, á que seguiron, entre outras, La sombra de los días (1947), Congreso en Estocolmo (1952), El río que nos lleva (1961), El caballo desnudo (1970), Octubre, octubre (1981), La sonrisa etrusca (1985), La vieja sirena (1990) e Real Sitio (1993).