Dende o mesmo momento no que se soubo que Os Cempés voltaban á actividade logo de catro anos de parón, os seus adeptos amosaron unha gran ledicia por poder gozar novamente con eles. E unha circunstancia semella que veu pórlles unha proba para amosar a súa fidelidade ao conxunto. Os ferroláns decidiron acudir ao método do crowdfunding para financiar os 5.000 euros que consideraban necesarios para afrontar o proxecto e os cartos dos seareiros non faltaron para apoiar a iniciativa.

Comenta Óscar Fernández, compoñente da banda, que dentro do grupo había diferentes opinións sobre a posibilidade de acadar os cartos necesarios, "xa que convivían os optimistas que non dubidaban en que se lograría o obxectivo, os que pensaban que era posible e os que non o vían nada claro". A resposta popular foi espectacular, o que supón "un gustazo e tamén unha responsabilidade". A banda mantén o espírito inicial cun concepto claramente acústico que os afasta da última etapa, "na que eramos unha banda cun trío de rock e uns músicos folk. Nesta obra hai un festival de timbres acústicos". Unha novidade respecto ao pasado é que non só é Serxo Ces quen exerce de cantante solista, senón que achamos diversas voces cantando no disco. "Cadrou que o repertorio axustábase ben para incorporalas". Nos temas tradicionais escollidos salienta a variedade incorporada. "Son pezas que fun incorporando ás aulas de zanfona que dou na Escola Livre da MPG. A miña intención é que os alumnos non fiquen só cunha imaxe e poidan coñecer a gran variedade da riqueza que posuímos no noso patrimonio musical, algo que pretende reflectir este traballo".

O alumnado da Escola Livre da MPG exerce de convidado especial nesta obra e a cantante Begoña Lorenzo, a voz de Axada, grupo montado especialmente para os PREMIOS OPINIÓN, participa en dúas cancións. "Nunha delas ten o acompañamento do acordeonista Carlos Quintá. Eles son dous alumnos sobranceiros. A Begoña coñézoa dende hai moitos anos e creo que ten un arte cantando que estremece". Ademais da vía tradicional, a xente espera con moito interese nun disco do grupo as composicións de Óscar Fernández, quen sinala que as tres que incorporou "foron compostas para zanfona e a gaita debeu realizar un exercicio de adaptación para funcionar ben".