O presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín, lembrábase onte dos que falaron a lingua galega durante séculos, daqueles dos que non se coñecen os nomes e dos que repousan en nichos esquecidos. Foron eles os que, ano tras ano, foron quen de deixar a semente dun idioma, o galego, que evoluciona e que se adapta, cada día, á realidade do país ao que representa e que, á vez, o crea.

Foi na praza de María Pita onde a Real Academia Galega rendeu homenaxe aos cincuenta autores que, desde 1963 foron elexidos para conmemorar o Día das Letras Galegas. Desde Rosalía a Paz Andrade. Un representante de cada un dos concellos nos que naceron os homenaxeados foi o encargado ler e de transmitir o sentir e o pensamento dos seus fillos senlleiros.

Padrón, Rianxo, Ourense, Celanova, A Coruña, Vigo... pero tamén Vilafranca do Bierzo e Vegadeo, dous concellos que aínda que fóra do mapa galego, comparten a fala e a historia e foron o berce de Frai Martín Sarmiento e de Armando Cotarelo. Os textos escolleunos a Academia, así que sonaron versos en favor do ensino en galego, da loita por defender o que é "un tesouro", extractos de cartas e de tratados nos que se enxalza a importancia de que un pobo, para seguir séndoo, coide o que é de seu, e non só cada 17 de maio, senón todos os días de todas as vidas. Pero houbo tamén pasaxes livianas, de descrición da paisaxe, da vida en Galicia e de lembranzas do mar.

Entre poema e poema, entre alcaldes, concelleiros e académicos, rapaces chegados de sete vilas levaron a María Pita pétalos das flores da horta de Rosalía, auga da fonte de Cunqueiro, area recollida ao carón da casa de Cabanillas, arume arpado que medra onde vivíu Pondal, terra da horta de Curros, auga do mar da praia do Rianxo de Castelao, Manoel Antonio e Dieste e unhas herbas arrincadas no Courel de Novoneyra. "É unha leira que todos temos que cultivar para que quede claro que o país se constrúe con loita", definiu o secretario da Academia, Xosé Luis Axeitos, que apelou á memoria dos que levaron o galego "da escuridade á luz", ao "froito dos idealistas".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu o acto, xunto ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, aínda que non interviñeron, nin para dar a benvida, como o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, nin para despedilo, como o fixeron as notas do himno galego interpretado pola Banda Municipal e Cántigas da Terra. Un grupo de promotores de emprego asubiaron a chegada e a marcha do presidente para mostrar o seu desacordo coa retirada dunha partida orzamentaria destinada á creación de postos de traballo e de orientación laboral.