22 de junio de 2012
22.06.2012
Música de raíz

Catro recoñecidos músicos do folk galego lanzan un novo proxecto

O álbum que veñen de publicar titúlase 'aCadaCanto' e a idea dos participantes na obra
é que non se realicen máis lanzamentos discográficos con este formato de cuarteto

22.06.2012 | 05:30
Foto promocional do cuarteto que vén de editar o disco ´aCadaCanto´. / músicas de salitre

Os músicos Guillerme Fernández, Guadi Galego, Xabier Díaz e Xosé Lois Romero compartiron diferentes proxectos ao longo da súa andaina. A xente esperaba un segundo disco do dúo Espido e un novo traballo conxunto de Fernández e Díaz e este novo proxecto, un disco titulado aCadaCanto, semella que vén cubrir esa débeda cos seareiros. "Esa podería ser unhas das explicacións para a saída deste disco. Pareceunos o momento oportuno para volcar nun proxecto común todo ese caudal de traballo que realizáramos nestes anos", salienta o guitarrista Guillerme Fernández. O último en incorporarse a esta idea foi o acordeonista Xosé Lois Romero. "Con Guadi e Xabier xa levo traballando moito tempo e sabemos como respiramos, e con Xosé compartimos un xeito de entender a música moi semellante e iso facilita o entendemento".

Sinala Fernández que nesta ocasión pretenderon realizar un disco "máis que nunca de cancións, onde importa o que se conta e o que se canta e no que a parte musical, sen quitarlle importancia, serve de arroupamento dos textos". No que atinxe ao traballo á hora de efectuar os arranxos, o labor foi "máis colectivo que noutras ocasións. Era moi importante que todos participásemos nas pezas e acomodar a nosa visión á do colectivo".

Quizais a guitarra teña unha maior presencia que o acordeón á hora de acompañar ás voces. "Non o teño claro, pero puidera darse ese caso porque cando Xosé Lois chegou bastantes pezas estaban xa armadas, pero sempre procuramos que o acordeón tivese o seu espazo". Ademais das cancións de composición do cuarteto, no repertorio aparecen pezas tradicionais, "xa que para nós é un referente indispensable que sempre vai estar presente". Entre os temas alleos chama a atención o asinado por Santiago Auserón. "A orixe foi no programa radiofónico 3 Peixes Voando, no que facemos versións de todo tipo, e ademais coincidiu que Tati Mancebo fixo unha acertada adaptación ao galego da letra". Ademais de autoeditarse, nesta ocasión tamén realizan a distribución"e estamos ledos coa demanda de discos". Lembra Fernández o concerto de hai uns días no teatro Rosalía, "onde recibimos unha mostra de afecto importante". Aínda que a unión do cuarteto é so para este álbum, "non pechamos as portas a nada e sabemos que, dun xeito ou outro, seguiremos traballando xuntos".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario