A carreira musical de Ana Alcaide vén marcada pola súa influencia sonora da tradición sefardí, comunidade de xudeus españois que foron expulsados do país en 1492. Ao longo da súa carreira botou man da tradición dese pobo e nesta nova entrega discográfica, a terceira da súa traxectoria, volve mergullarse nese mundo, mais tamén aporta varios temas compostos por ela, o que dota á obra dunha visión máis persoal.

Di a artista que as cancións do álbum "inspíranse en Toledo e a viaxe dos sefardíes. Percorren camiños, paisaxes e linguas que seguen o ronsel dunha viaxe que quizais nunca atopou o seu destino: o do desterro e non retorno dos sefardíes. Unha gran viaxe é un espello do que somos. Obríganos a nos desprender de capas, a tomar conciencia de nós mesmos e a descubrir a nosa esencia". Comenta Alcaide que os temas que compuxo para este álbum naceron cando estaba embarazada e "as cancións foron xestándose á vez que o facía o pequeno Bruno e foron testemuña dun inesquecible proceso de transformación". La cantiga del fuego xoga con sonoridades tradicionais levadas a conceptos modernos á hora de interpretalas. A artista foi a produtora do traballo e tamén a editora, aboándose a esa cada vez maior nómina de músicos que ven a autoedición como o camiño a seguir para difundir a súa obra.

Cando marchou a Suecia cunha beca de estudos de Bioloxía, outro eido no que lle gusta traballar, descubriu a nyckelharpa, ou viola de teclas, un instrumento medieval de orixe sueca. Sentíndose atraída polo seu son, decidiuse a aprender os seus segredos de forma autodidacta. Anos máis tarde voltou ao país escandinavo para completar estudos musicais e especializarse nese instrumento. Iso levouna a debutar discograficamente, no ano 2006, con Viola de Teclas.

O seu segundo disco foi Como la Luna y el Sol, onde seguía afondando, coa súa visión persoal, na tradición musical sefardí.