O galardón da Andaina Senlleira premia o labor sobranceiro dunha traxectoria que teña ligazón coa música de raíz galega en calquera campo profesional, e nesta ocasión o xurado composto polo xornalista Xoán Manuel Estévez e os músicos Xosé Manuel Budiño e Sonia Lebedynski optaron por valorar o traballo efectuado por Pablo Barreiro, un técnico de son que ao longo destes anos realizou innumerables gravacións a artistas de diferentes estilos e achamos o seu nome en traballos do máis variado.

O de Forcarei comezou a tocar en varios grupos e logo decantouse por coñecer os misterios da gravación de son. Tamén foi o autor das bandas sonoras dos filmes do desaparecido Chano Piñeiro.

"Prodúceme unha sensación estraña que un técnico de son acade un recoñecemento deste tipo e por iso valoro dobremente o galardón". manifestou Barreiro ao coñecer que era o gañador do premio.

Na actualidade exerce como xefe do Servizo de Arquivo Sonoro da Radiotelevisión Galicia e sinala que están a traballar arreo. "Contamos con moito material perfectamente clasificado e metido na base de datos. O último paso será volcalo a un gran servidor".

Recorre o premiado ao humor cando explica os seus comezos nesta profesión, "xa que me foi difícil explicarlle ao meu sogro en que consistía o que eu facía".

Respecto aos segredos que pode haber para que unha gravación sexa o mellor posible subliña que chegou á conclusión "de que o máis sinxelo é o mellor. Gústame o son natural e acústico. É a música a que debe transmitir algo ao receptor e nós só somos a vía que transporta a música á audiencia".

Ao longo da súa andaina gravou música de practicamente todos os estilos e comenta que todas as gravacións "teñen a súa dificultade, por sinxela que poida parecer, e nalgunhas ocasións non queda todo como ti quixeras . O nivel de esixencia sube segundo a calidade que teña o intérprete. Cómpre adaptarse ao nivel do músico e, polo tanto, non resulta máis doado gravar a un profesional que a un afeccionado", remata Barreiro.