A cita anual a non perder para os amantes da música de raíz terá lugar hoxe ás oito e media do serán no teatro Rosalía. Alí coñeceranse os gañadores nas categorías de mellor canción orixinal, disco e artista.

Guadi Galego ten o maior número de candidaturas, ao estar presente en todas, mentres o zanfonista Germán Díaz, o grupo TRIM e Magín Blanco teñen dúas oportunidades de acadar o galardón. Este último logrou colocar por primeira vez un disco pensado para o público infantil como un dos traballos, a xuízo do xurado, máis salientables. Completan as candidaturas o cuarteto Lulavai e o gaiteiro Anxo Lorenzo no apartado de canción orixinal e Pablo Rial, director do coro Cantares do Brión, logrou meterse entre os finalistas a mellor artista do ano.

Será unha ocasión para o público coruñés de poder aplaudir novamente aos compoñentes dunha banda que fixo historia, xa que Berrogüetto son os gañadores da oitava edición do galardón Andaina Senlleira, que premia a aqueles que realizaron un traballo sobranceiro a prol da música de raíz galega na súa carreira. Na gala actuará o trío Talabarte, formado por Kim García, Pedro Pascual e Quim Farinha, que dá os últimos retoques ao que será o seu segundo álbum. Algúns deses temas escoitaranse esta noite. A formación xa ten preparados uns concertos de presentación do novo traballo en lugares singulares da xeografía galega, dos que darán información axiña. Serán os encargados de abrir a gala de entrega de premios coa súa música instrumental e logo os asistentes ouvirán as voces dos cantantes do cuarteto aCadaCanto, no que será un dos últimos concertos desta formación que cando naceu tiña data de caducidade. Guadi Galego, Xabier Díaz, Guillerme Fernández e Xosé Lois Romero xa se cruzaran varias veces nos seus vieiros musicais e decidiron montar unha banda para facer un único disco, aínda que finalmente gravaron dous.