O último espectáculo da compañía do artista galego Quique Peón, con Xacarandaina, músicos e voces de toda Galicia, sorprendeu por novidoso, rompedor e diferente. Logo de dous anos de traballo, a interpretación contemporánea da revolta irmandiña a través da expresividade de cerca de 100 bailaríns e músicos galegos convenceu a un aforo completo no coruñés teatro Colón o día da estrea, e hoxe repetirán función.

A proposta do bailarín e director artístico Quique Peón vai un paso máis alá na linguaxe escénica da cultura e da tradición galegas, tanto na posta en escena como na combinación do baile tradicional e a danza contemporánea. A partir da expresión nos movementos dos bailaríns o musical logra transmitir á perfección en cada acto a forza do poder, a transformación social ou o pesar a través dun exército de bailaríns cuns pasos máis que coidados.

É a primeira vez que un espectáculo con bailadores que proceden da tradición afonda de tal forma nunha proposta musical cun aspecto máis vinculado á danza contemporánea, con pensado vestiario que fai ao espectador viaxar ao medievo, crea ilusións ópticas de fortalezas e castelos a través dun dominó de instrumentos de percusión tradicionais ou mostra simbólicas armas, representadas por exemplo con pratos de barro bergantiñán, para dar forza en encrucilladas de máxima expresividade corporal e xestual.

Toda esta proposta contemporánea non sería posible sin a banda sonora da obra, creada e dirixida polo músico Pedro Lamas, capaz de levar ao público a situacións de dureza e dor e elevalo a unha plena ledicia. Cómo? Coa combinación de percusión, a profundidade das voces corais, que alterna coa frescura das cantareiras e pandereteiras e melodías máis propias da música culta, co protagonismo de violoncello, fagot, clarinete ou violín, que trasladan á Idade Media. O director resolve a loita irmandiña cunha auténtica gala etnográfica na que música e baile van da man, exquisitamente medidos, para contar a historia.