Na historiografía da cultura pesan moito os discursos das academias e das elites que as conforman, que con frecuencia establecen un canon no que teñen cabida o que Pierre Bourdieu denominará produción restrinxida, cun alto capital simbólico, e do que queda excluída o que o sociólogo francés definiu "gran produción", ámbito no que por veces se sitúa todo aquilo cunha orientación "comercial", ou todo canto semella carecer do nivel de excelencia que se lle atribúe aos produtos canonizados. As academias e as súas elites elaboran o canon a partir dunha ideoloxía dominante, que define o que ten excelencia e o que carece dela, e nese xogo de poder hai discursos que son desprazados e minorados, e así lle aconteceu a Julio Cortázar, ao que a Academia privou do Nobel e do Cervantes. Agravios.

Na historia da literatura dramática galega e do teatro en lingua galega, hai nomes que non podemos deixar de lembrar, por todo canto fixeron por darlle sentido ao adxectivo que cualifica os substantivos que vimos de utilizar. Ese é o caso de Manuel Sánchez Hermida (1888-1944), e de Euxenio Charlón Arias (1889-1930), pois como actores e dramaturgos foron protagonistas dunha das xeiras máis memorables do teatro de expresión galega e moito contribuíron a que unha tal cousa, tantas veces improbable, acabase por ser posible. Do mesmo xeito que o foi Xavier Prado Rodríguez (1874-1942), coñecido como Lameiro, dramaturgo "residente" da Coral de Ruada de Ourense, para a que escribiría pezas tan notables como A retirada de Napoleón, que trata dos chamdos deputados "cuneros", ou Luís de Castromouro, que explica as razóns sociolóxicas do bilingüismo.

Aqueles dous mozotes, traballadores do comercio na cidade de Ferrol, iniciaron a súa andaina na escena da man de Eduardo Sánchez Miño, creador da primeira Escola Dramática Galega e dunha das primeiras propostas de residencia teatral en Galicia, a que quería poñer en marcha no Teatro Romea da cidade. Esa paixón pola escena continúa coa súa incorporación ao cadro de declamación de Toxos e Froles, que se presenta ao público en 1915, e nese mesmo ano, Charlón e Hermida, pois así serán coñecidos como parella artística, presentan Mal de moitos, sobre un texto homónimo da súa autoría, que se publica nese mesmo ano.

Mal de moitos, cualificada como parrafeo polos seus autores, tipoloxía dramática moi popular naquela altura, recrea o diálogo entre un vello o e un mozote que volve á Terra despois duns meses na emigración, falando castrapo, vestido de maneira ben rechamante, e aparentando ser quen xamais podería chegar a ser. En efecto, velaí o mal de tantas e tantas persoas que ao ascenderen na escala social abandonan o uso da súa lingua, malia que polo acento co que falan a nova sempre nos rematen por dicir quen son e de onde veñen en realidade: galegos e galegas afectados polo mal da diglosia.

Como deixou escrito Laura Tato na súa magnífica Historia do teatro galego. Das orixes a 1936 (1999), Mal de moitos foi unha das pezas máis escenificadas no teatro anterior á Guerra Civil, como o foi Trato a cegas, tamén da súa autoría, ou O Fidalgo, de Xesús San Luís Romero (1872-1966), outro grande esquecido das nosas letras e da nosa literatura. Falamos de autores que dunha ou doutra maneira conseguiron que a lingua galega fose por fin unha lingua de cultura, capaz de se situar na esfera pública e en templos da arte tan importantes naquel momento como eran os teatros, aos que tamén trasladan discursos críticos en defensa dos máis esquecidos e marxinados. Por moito que o seu teatro tivese unha fasquía rexionalista e mesmo costumista. Bo sería que non permanezan para sempre na fonte do esquecemento, polo que aínda hoxe nos din da lingua nosa, esa mesma na que se expresara o rei Don Dinís.