Galicia vístese este martes 17 de maio de poesía para celebrar o Día das Letras Galegas e recordar a Manuel María, con todo tipo de actos de homenaxe que percorrerán as catro provincias galegas co obxectivo de reivindicar a pegada e a obra do autor de Terra Chá, o epicentro da cal será en Outeiro de Rei.

Nesta localidade, a Real Academia Galega (RAG) celebrará unha sesión extraordinaria e pública na Casa-Museo Manuel María, ás 12.30 horas, coa intervención de distintos académicos, como o propio presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, Manuel Rivas Barrós, Margarida Ledo Andión ou Darío Xohán Cabana.

Previamente, colocarase unha placa conmemorativa no CEIP Laverde Ruiz, ás 11.00 horas, coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o propio Alonso Montero e a viúva de Manuel María e presidenta da fundación, Saleta Goi, entre outras autoridades.

O Consello da Cultura Galega celebrará o 17 de maio co clásico Concerto das Letras Galegas, que terá lugar no Teatro Rosalía (A Coruña) ás 21.00 horas da man do grupo Milladoiro, musicando os textos de Manuel María para esta efeméride.

Ademais de acoller o concerto organizado polo Consello da Cultura Galega, A Coruña celebrará outro tipo de actividades, como unha lectura pública en María Pita ás 12.00 horas baixo o lema Pregoa a voz, recitando textos de Manuel María dende o balcón do concello.

Versos de Manuel María que xa están a chegar aos fogares da comunidade a través da programación da TVG, coa emisión de dúas pequenas e creativas pezas audiovisuais realizadas a partir de dous poemas do escritor chairego.

A outra cara desta xornada será a máis reivindicativa, cunha grande manifestación que percorrerá as rúas de Santiago convocada pola plataforma Queremos Galego. Segundo detallaron os organizadores, a voz e a palabra de Manuel María estarán presentes na marcha que sairá ás 12.00 horas da Alameda co lema O idioma é a vida, e un acto final que se celebrará na Praza da Quintana, coa actuación de Mini e Mero e de Fran Amil e A Tribo Incomprensíbel.

O Día das Letras Galegas 2016 terá como acto central no Gaiás Verso busca Voz, un espectáculo multimedia que busca revalorizar a figura e a extensa obra do poeta lucense. A Cidade da Cultura invita, así, á cidadanía a poñer voz aos versos de Manuel María nun recital colectivo que contará coas improvisacións musicais en directo do artista Koroiev e as videocreacións de DSK.

Tamén en Santiago, o Goberno local organiza mañá unha serie de actividades que se iniciarán ás 11.00 horas, como un acto na rúa que leva o seu nome, situada no barrio de Salgueiriños, e no que actuará a Banda Municipal de Música ademais do recital poético a cargo dos veciños dese lugar.

Pola súa banda, o Concello de Ferrol celebrará os actos centrais do Día das Letras Galegas no barrio de San Xoán, a partir das 12.00 horas, co concerto do cantautor Xoán Eiriz e do Real Coro de Toxos e Froles. A partir das 18.00 horas, haberá unha festa infantil por parte de Peter Punk e o fin de festa correrá a cargo da Orquestra da Balbina.