Romero participou en catro galas de entrega dos premios. O ano pasado estivo con aCadaCanto e na primeira que subiu ao escenario foi co espectáculo conxunto no que uniron forzas Nova Galega de Danza, Espido e Xabier Díaz. "Foi moi bonito facer algo xuntos, xa que somos músicos que colaboramos en diferentes proxectos ao longo destes anos". Como acordeonista acompañou a Lucía Rolle e Sonia Lebedynski, no que era o debut en directo como solista da cantante, que vén de publicar recentemente o seu primeiro disco, onde aparecen dúas pezas, con novos arranxos, das que interpretaran aquel día no teatro Rosalía, "Gústame moito o formato de dúo e ofrecer este tipo de proxectos pequenos. Sonia estaba a dar os seus primeiros pasos e o de Lucía era unha colaboración pequena dun par de temas. Son dúas mulleres marabillosas e foi un pracer traballar con elas", comenta Romero.