O grupo Radio Cos vén de publicar Pasatempo, o seu segundo álbum, un traballo no que volven afondar nas raíces musicais do noso país. A referencia ao parque de Betanzos, que está descoidado, sérvelles “para facer unha analoxía co que acontece coa nosa música de tradición oral, que tamén sofre desleixo e, de cando en vez, cómpre mirar moito por ela e coidala. Tamén representa as marabillas que nos atopamos polo mundo, melodías de tradición que achamos na nosa participación en festivais polo estranxeiro, mentres García Naveira o que fixo foi achar marabillas arquitectónicas que se atopou nas viaxes polo mundo e quixo deixalas para os brigantinos no Pasatempo”, comenta o cantante Xurxo Fernandes.

Entre os temas elixidos realizan unha versión a ritmo de tango de Adios ríos, Adios fontes. “Pareceunos acaído para o poema de Rosalía, xa que ela se baseou na lírica popular para comezar ese poema e serve para pór o foco de atención na poesía popular, que é moi rica. O poema fala da saudade, da morriña, é metemos unha música tradicional á que lle demos o aire de tango”.

O grupo ten o seu punto forte nos directos, xa que son quen de conectar moi ben co público asistente, “algo que non deixa de abraiarnos. Tentamos estar ao 100% con eles. Gravar está moi ben, mais a música que vale é a que se fai en directo”.

Cando cantan, as voces de Xurxo Fernandes e Quique Peón combinan dun xeito moi harmonioso. “Temos unha sintonía cantando que propiciou a aparición do grupo. Cantamos xuntos dende hai doce anos e imos coñecéndonos bastante ben. Cada un ten o seu xeito de cantar e a súa voz. Entendemos de forma moi semellante a interpretación da música tradicional. Aprendemos da xente maior e iso dános o noso estilo no canto”. Outra clave no resultado musical da formación é ese acompañamento que teñen dos tres músicos que forman esa sólida banda que apoia os argumentos vocais do dúo. “Os astros conxugáronse para que chegasen canda nós e estamos encantados de contar con eles. Xan Pampín achega o seu bo facer co acordeón. Velikov é un violinista búlgaro excelente que toca na Real Filharmonía e que xa é un galego máis. Pedro Lamas é o noso produtor musical. Ademais de ser un músico senlleiro é moi emprendedor e traballador. Os discos que ten Radio Cos non estarían nas mans dos nosos seareiros se non fose por Pedro, posto que é o impulsor para que gravemos e sempre nos anima. Tamén é quen nos rifa cando estamos a devorarnos un pouquiño”.

No que atinxe a elixir o repertorio, “imos escollendo pezas das nosas gravacións de campo e matinamos nelas. Eliminamos moitas e coas que quedamos propoñémosllas aos músicos. A través dunha gran comellona, que facemos en cada ensaio, cada un aporta o seu punto de vista e arranxámolas entre todos. Un dos segredos do grupo é que nos involucramos todos. Para escollelas temos en conta que a nosa música é para bailar e tentamos que haxa unha representación diversa para amosar todo os paus que temos para a danza”.

En outubro formaron parte da sección oficial do Womex e de aí saíron contactos que lles van permitir viaxar ao estranxeiro. “O Womex é un trampolín e significou un estímulo moi grande. Entre eses contactos e outros que xa tiñamos imos poder actuar en países como Canadá, Letonia, Estados Unidos e a República Checa”, sinala Fernandes.