A décimo sexta gala da entrega de galardóns para os mellores músicos galegos do ano, dentro da música de raíz, volve visitar o escenario do belo teatro coruñés Rosalía de Castro. A cita para os amantes deste tipo de música será o vindeiro venres doce de maio ás oito e media do serán. Dáse a curiosa coincidencia de que a data coincide coa do ano pasado, así que xustamente un ano despois coñeceranse os gañadores nas tres categorías en liza (mellor disco, canción orixinal e artista), que contan con catro finalistas.

Dende que entrou, hai cinco anos, na súa nova etapa, a gala dos premios ten unha vocación de achegar propostas novidosas aos espectadores que asisten a esa noite festiva para a música do país e, nesta ocasión, incídese novamente en presentar proxectos atractivos diferentes e que, ata o momento, tiveron unha escasa difusión, polo que esta será unha ocasión perfecta para que os presentes gocen con algo non moi coñecido.

Nesta ocasión, o espectáculo comezará coa actuación dun dúo especial. Por separado xa estiveran pisando o palco noutras edicións dos galardóns con outros proxectos. O gaiteiro Anxo Lorenzo e o zanfonista Germán Díaz, gañador do PREMIO OPINIÓN ao mellor artista, montaron hai aproximadamente unha década un dúo que realizou moi poucas actuacións en locais de pequeno aforo. Recuperamos para esta gala a proposta duns músicos que son considerados polos seus colegas de profesión como uns virtuosos, algo que poderá comprobar o público. En canto ao repertorio que elixan, tanto poden optar por facer arranxos a pezas tradicionais como presentar algunha composición propia.

Por certo, Díaz ten dúas candidaturas como finalista nesta edición dos premios. Aparece na categoría de mellor álbum co dúo Brigada Bravo & Díaz pola obra Músicas populares de la Gran Guerra e volve repetir como un dos catro finalistas no apartado de mellor artista. O zanfonista vivirá entre bambolinas a emoción de saber se o seu nome volve aparecer na lista de vencedores do galardón.

A forza vocal da tradición

Despois desa actuación subirán ao escenario un grupo de cantareiras desa gran canteira de voces que xorde dende hai anos da asociación arteixá Xiradela, sen dúbida algunha un dos grandes referentes en canto ás voces femininas do noso país que se moven no eido da tradición. Dez cantareiras aparecerán no escenario para pór en valor a riqueza do noso folclore.

O grupo Algarada está dirixido por Fransy González, a cabeza visible daquelas Xiradela que gravaron un álbum que forma parte da historia musical tradicional polo seu alto valor artístico. Foi unha mágoa que non editasen máis obras.

Despois da entrega de premios e para pór o punto final á noite aparecerán no escenarios os compoñentes de TRIM. Escoitaremos a gaita de Pedro Fariñas acompañada dos instrumentos de corda tocados por Fernando Barroso e o portugués Luís Peixoto.

Teñen editado só un disco, que gañou o PREMIO OPINIÓN na décimo cuarta edición no apartado de mellor álbum e canción, o que deixa clara a súa calidade. Son uns compositores e instrumentistas que aportan aire fresco a unhas pezas que interpretan con enerxía nun directo festivo.

O grupo só realizou actuacións na cidade herculina en locais pequenos e será esta unha boa oportunidade para amosar a forza da súa música nun teatro emblemático e tendo presentes no patio de butacas a centenares de espectadores pendentes do seu concerto.

Barroso e Peixoto gozan do beneplácito do xurado de xornalistas que conceden os galardóns, xa que o luso ten na súa casa unha estatuíña por ser o autor de Jumping Bits para o trío Assembly Point, que foi recoñecida como a mellor canción do ano nunha edición na que esa banda tamén fora incluída como finalista no apartado de mellor álbum.

Como dúo, estes músicos foron finalistas polo álbum Pop e máis tarde lograron os dous premios xa comentados con Trim.

O ferrolán Fernando Barroso opta este ano ao galardón de artista máis destacado polo seu labor en Intropía, o seu debut discográfico como solista. Así que, como no caso de Díaz, será outro que viva a noite coa dúbida de saber se debe ir novamente ao micrófono a agradecer a consecución doutro premio. Estes dous músicos estiveron no escenario para recoller galardóns, mais esta será a primeira vez que formen parte das actuacións programadas para tocar na gala de entrega dos galardóns.