Anxo Lorenzo actuou xunto a outros artistas na oitava gala dos premios, na que se realizou unha homenaxe a Milladoiro escollendo pezas do seu repertorio para que se realizasen versións, traballo que foi editado posteriormente no disco Perspectivas, entregado de balde co xornal. Para esa ocasión o gaiteiro de Moaña veu acompañado do trío Om-Off para poñer certos toques hindús á fermosa peza A Bruxa, da autoría de Antón Seoane. Pola súa banda, Germán Díaz apareceu acompañado pola súa zanfona e unha caixiña de música para exercer como solista e abrir a noite de actuacións na décima edición dos galardóns. Foi un pequeno recital de quince minutos de duración que serviu ao público asistente para comprobar as capacidades como instrumentista, e tamén como comunicador, do artista nado en Castela e afincado dende hai practicamente unha década en terra galega.