Os encontros entre músicos propician posteriores colaboracións musicais que plasman o interese en realizar algo conxunto. Zampogneria é unha formación italiana que ten como eixe sonoro a gaita e o seu nome provén da zampogna trasalpina, que é a gaita do seu país. Marco Tomassi, Georgio Pinai e Marco Iamele botan mans de pezas antigas, algún tema tradicional do folk europeo e composicións propias para elaborar o repertorio incluído no álbum Fiumerapido. "A gaita resistiu a transformación do mundo pastoral italiano na que se difundiu e agora proponse como un instrumento axeitado para calquera tipo de música", salienta Tomassi.

Entre os colaboradores aparecen o francés Eric Montbel e David Sheperd, violinista da banda Blowzabella, pero o que nos interesa dende Galicia é saber como apareceu entre esa lista de convidados a gaiteira Susana Seivane. "Coñecémonos dende hai anos. O meu pai e o meu tío coincidiron con eles nun festival na Bretaña e a relación vén de aí. Seguen a miña traxectoria e gústalles a música tradicional galega e meu xeito de tocar a gaita, así que sempre pensamos nesa posibilidade de facer algo xuntos. Estarán pola nosa terra e imos falar da posibilidade de realizar un disco xuntos, composto por pezas tradicionais galegas e italianas", sinala Seivane. Para esta obra querían realizar unha unión da muiñeira coa tarantella e a segunda peza do álbum titúlase Muñeira de Chantada/Ballarella /Muñeira mariñeira. "A nosa muiñeira ten un ritmo semellante á súa tarantella e iso facilita a conxunción. Chegeui a actuar con eles nun festival en Italia e a verdade é que funcionou moi ben".

Para Seivane os compoñentes de Zampogneria "son uns grandes estudosos da música medieval e italiana e fan cousas moi interesantes coas gaitas que tocan, que soan de marabilla".

No que atinxe ao seu novo disco, a coruñesa comenta que sairá ao mercado a primeiros de setembro e chamarase Fa, iniciais dos nomes dos fillos. "Será un disco distinto aos anteriores. Soará moi moderno e todas as composicións son miñas ou de Iago Rodríguez, o meu baixista e produtor", di Seivane.