Ricardo Portela foi desa estirpe de artistas que loitou por dignificar ao máximo a figura do gaiteiro, tan desprezada en certas épocas por ignorantes que non valoraban a súa arte nin o que representaba ese instrumento para o pobo galego.

Portela sempre tivo moi claro o que significaba ser gaiteiro para a música do país e nunca permitiu desconsideracións. É moi comentada a anécdota que refire unha lea tida cun empresario que comentou en voz alta, diante súa, iso de que saísen os gaiteiros para facer tempo entre os concertos programados. Ese comentario recibiu por resposta:"Aí queda vostede coa festa" por parte dun Portela que liscou do lugar tras semellante aldraxe artística.

De cativo coñeceu a Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, de quen sempre se declarou un grande admirador ao longo de toda a súa vida e foi este quen o alentou a seguir traballando para poder ser un grande artista.

O gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez, un estudoso da música galega, presenta agora un novo disco titulado Aires de Pontevedra. Homenaxe a Ricardo Portela, 25 Aniversario Pasamento, no que homenaxea ao de Viascón cunha selección do seu repertorio máis característico interpretado coa súa propia gaita de dixitación pechada. Para Ibáñez a figura do homenaxeado "vai alén do seu virtuosismo co instrumento, xa que reunía unha serie de valores, como ese discurso reivindicativo da figura do gaiteiro, que fixeron del un símbolo. Ademais, é un elo fundamental na música galega por servir de inspiración a novos gaiteiros que son agora figuras importantes". En canto ao seu singular xeito de tocar, manifesta que o mestre gaiteiro "non soa a ninguén e ninguén se asemella a el". Ibáñez toca a gaita que pertenceu ao de Viascón e non é a primeira vez que ten oportunidade de tocar un antigo instrumento que fixo tanxer un gaiteiro sublime, posto que tamén tocou coa de Perfecto Feijoo e a de Xan de Campañó. "Cando eu comecei escoitaba detidamente esas casetes de Portela e ter agora a oportunidade de tocar coa súa gaita é unha experiencia impresionante, un honor e un luxo. Tamén supón unha responsabilidade e debín realizar un traballo intenso escoitando os discos e gravacións que me achegaron varias persoas. O álbum foi tocado, con mellor ou peor sorte, cinguíndose completamente ao seu estilo de interpretar".

Na súa biografía chama moito a atención ese detalle que nos conta eses trece anos que estivo sen tocar porque lle roubaran a gaita feita polo artesán Antón Represas O Marreco e non deu con outra que o satisfixese ata que escoitou unha construída por Xosé Seivane que lle lembrou á que lle quitaran anos atrás. "Era un home moi íntegro e como non achaba unha gaita que lle permitise despregar todo o que quería decidiu ficar calado ata un día no que amosou que posuía moi bo ouvido, xa que Seivane entrara en contacto co Marreco para construír gaitas e por iso non resulta estraño que lle lembrase á que el posuía".

Mudan os tempos

A situación para alguén que pretende aprender a tocar a gaita resulta ben diferente á dos tempos nos que viviu Portela. "Agora gozamos dos mellores docentes posibles, contamos cunha manchea de artesáns que fan moi ben o seu labor e temos a axuda que nos proporciona a tecnoloxía. Daquela non había partituras nin discos e tampouco existía o contacto entre os gaiteiros. Cando eu comecei tampouco existían as facilidades coas que se contan hoxe en día. Nos anos 90 había xente que tiña unha partitura e non a deixaba para que outros non souberan tanto coma el e sei de artesáns que afinaban a gaita de costas ao seu interlocutor para que non visen como o facía", indica Ibáñez.

A consideración social que ten un gaiteiro tamén é moi diferente, aínda que o noso país xa pasou por tempos escuros nos que un ghaiteiriño semellaba ser un músico con pouca importancia. "Ricardo Portela sempre tivo claro que a un gaiteiro se lle debía tratar con dignidade e nunca parou de reivindicar a súa figura". Á súa popularización na parte final da súa carreira contribuíu o apoio dado polo popular grupo folk Milladoiro. "Os gaiteiros da banda, Xosé Ferreiros e Nando Casal, atoparon nel a unha persoa incrible cun repertorio extraordinario e incorporaron algunha peza súa para que a tocase Milladoiro. Ademais, convidárono a tocar co grupo. Foron eles os que tiñan os contactos discográficos para que o vello gaiteiro puidese gravar. Considero que Aires de Pontevedra é, a nivel internacional, como un xeito de himno galego. O bretón Patrick Molard, un referente gaitístico, é un dos que realizou a súa versión deste tema e ata foi a Viascón a casa de Ricardo para que llo escoitase interpretalo coa gaita escocesa".

No século XXI as cousas son moi diferentes e iso afecta a todos os ámbitos da sociedade, entre eles a constante evolución que tivo o mundo da música. Trasladámoslle a Óscar Ibáñez a seguinte cuestión: que andaría a facer musicalmente Ricardo Portela se fose un artista, por exemplo, de corenta anos, a idade que ten vostede?

O pontevedrés considera que seguramente "estariamos a falar dun músico pegado á tradición, pero moi aberto a outras cousas, algo que puiden comprobar en gravacións súas dos anos 80 nas que incorporou pezas de varios compositores. Tiña un concepto musical moi académico e era sistemático nas súas interpretacións. Podiamos dicir que era un músico, aínda sen saber solfexo, moi de conservatorio. Cada fraseo, dixitación e adorno executábao de xeito exactamente igual en cada interpretación que realizaba, marcando unha diferenza cos gaiteiros rurais que executaban as pezas de xeito diferente. En Portela sempre brillou a súa gran técnica".

Por mor da súa sona, o de Viascón foi elixido presidente fundador na creación da Asociación de Gaiteiros Galegos.

No disco colaboran na percusión intérpretes destacados da nosa música tradicional que gravaron ou tocaron con Ricardo Portela, como Xosé Vicente Ferreirós, Chuco Estevez, Gonzalo Caride, Wenceslao Cabezas Polo, Antón López Toniño, Manuel Solla, Xosé Carlos Bouza, Jesús Corral Fernández, Miguel Souto, Alberto Costas, Manuel Alonso e Xosé María Gutiérrez.