O 7 de xuño de 1997, o gaiteiro moañés Xosé Manuel Budiño ofreceu o seu primeiro concerto de presentación do álbum Paralaia no auditorio do Fórum Metropolitano, no Parque Europa na Coruña, nun acto organizado pola asociación cultural Alexandre Bóveda. Trescentas persoas ateigaron o patio de butacas para escoitar a un artista que decidira dar un paso ao fronte como solista, despois de formar parte da banda Fol de Niu, cun estilo propio que pretendía ofrecer un vieiro creativo diferente dentro das propostas que daquela existían na música folk galega. Esa obra deu novos aires ao noso panorama musical, necesitado naquel momento de propostas diferentes, e supuña a chegada con moita forza dun artista con ganas de facer cousas novas que, dúas décadas máis tarde, continúa enriba dos escenarios mantendo as ganas de anovar e achegando composicións propias. Durante este verán estará actuando por Galicia presentando novamente Paralaia, que o moañés vén de reeditar en formato libro-disco coas ilustracións de Ana Zon.

Botemos a vista atrás e vexamos como se xestou este traballo e o comezo da andaina en solitario do gaiteiro. “ No ano 1996 chamáronme do Festival Intercéltico de Lorient, onde eu xa participara como gaiteiro solista. Daban por feito que debía ter unha banda e fixéronme unha proposta para tocar alí. Tiña xa moitas composicións na mente e emprendín esa viaxe de solista. Montei unha banda axiña e alí aparecín. Os xornalistas pedíanme que lles pasara o meu disco e vinme coa necesidade de contar cun traballo propio. Tiven claro que debía ser un álbum con temas meus e coa intención de ser un proxecto a longo prazo. Ese foi o xerme de Paralaia e puiden tocar en escenarios cos que eu soñaba”, manifesta Xosé Manuel Budiño.

Acompañado por unha banda moi sólida, comezou a pisar os escenarios e sumar adeptos convencidos á súa música. “A banda entendía ben as miñas composicións e a nosa aposta de directo estaba influenciada polo rock, o que se notaba na actitude no escenario. Procurabamos unha conexión co público e ter unha actitude no escenario que nos definise”.

Parte importante do éxito acadado por un álbum que se revela crucial na historia da música de raíz do noso país estaba na presenza da incomparable Mercedes Peón cantando nas pezas Aire do Cruceiro e O Pateado. “Coñecina no Festival Cidade Vella cando ela concursou e eu estaba alí participando con Fol de Niu. Escoitamos esa voz e quedamos todos engaiolado coa súa enerxía. Vin alí que ela tiña moitas cousas que dicir. Tiña claro que debía tela no meu debut como solista. Decidimos traballar xuntos e tentalo con algo propio, era un paso lóxico, e non coller algo tradicional. Na gravación en Madrid, cando chegou coa letra dos temas, foi como algo máxico escoitala e que soase con esa enerxía”.A conexión bretoa

Outro elemento de transcendencia na elaboración do traballo foi a presencia como produtor do bretón Jacky Molard, quen tamén colabora como instrumentista canda o seu compatriota Soig Sibéril e o acordeonista vasco Kepa Junkera. “Admiraba a Jacky polo seu xeito de tocar. Ninguén toca coma el e ten un estilo moi persoal que marcou a moitos violinistas.

El xa producira discos e gustábame moito o seu concepto de produción. Coincidimos en varios concertos en Galicia e tiña unha boa relación con el, polo que decidín ir petar a súa porta. Ceamos en casa do guitarrista Soig Sibéril e alí conteilles o meu proxecto. Aprendín moito con Jacky no estudo. Sabe escoitar e ten a capacidade de procurar o arranxo máis axeitado para unha melodía. Ten un control absoluto e unha calma total. Foi un luxazo telo como produtor. Por certo, cando el e Soig escoitaron a voz de Mercedes ficaron, como lles sucedeu a moitos outros no estranxeiro, totalmente abraiados”.

Polo camiño houbo unha peza, que soaba nos concertos, que finalmente non formou parte do álbum e iso deu lugar á aparición doutra inesperada. “Había un tema que funcionaba moi ben nos directos, pero eu non vía que encaixase no global. Sentín que non pertencía a este disco e comenteillo a Jacky. El díxome que se non o vía claro, eu creo que el coincidía comigo, a sacase. Comentoume que tiña unha mañá libre no estudo, que compuxese algo para gravar só con gaita. Era unha cousa na que eu nin pensara. E de aí saíu finalmente Ardora, unha muiñeira feita para gaita solista”.

O moañés sinala que as cousas mudaron moito na industria discográfica. Hai vinte anos a saída dun disco e o que o rodeaba non ten nada que ver co que sucede actualmente. “Antes facías promoción e concertos presentando o disco e xa pasados un par de anos debías facer outro e o anterior daba a sensación de que quedaba como no esquecemento, xa que naquela altura non había redes sociais e o álbum desaparecía da distribución e das tendas. Coa chegada de Internet isto muda totalmente e a xente ten acceso ás obras dos músicos. Sacamos agora Paralaia para festexar vinte anos de carreira, mais tamén para lle ofrecer a segunda vida que este álbum merecía”, sinala o gaiteiro.

O disco sempre estivo presente na carreira do artista, posto que algunhas pezas nunca deixaron de soar nos directos e son unha referencia que os seareiros nunca esqueceron. Pasadas dúas décadas, ao escoitar o álbum segue a soar moderno e actual. “Era un dos grandes obxectivos que tiña. Quería un disco que puidera escoitar dez anos despois, que non quedara antigo, e por iso debía ser acústico. Desbotei facer algo electrónico porque non era o momento. Sigo a escoitar Paralaia como un disco contemporáneo. Era o que eu procuraba”.

Paralaia é o monte onde ía de neno a unha romaría “e cando estabamos de volta, coa caída do sol, os meus pais dicíanme que ao outro lado do mar tiña unha familia en Arxentina, que emigrou nos anos 50. Sempre quixen levar a miña música máis aló do Atlántico”, lembra o músico. Cando cismaba na posibilidade de ser solista pensaba máis en facer algo tradicional, pero o paso do tempo deu paso a un creador maduro “e o corpo pedíame compoñer. Paralaia foi a carta de presentación musical que non chegara a soñar nunca”, remata Budiño.