Antón Fraguas Fraguas será o homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2019, tras impoñerse a súa candidatura á de Ricardo Carvalho Calero na votación levada a cabo este mediodía polos membros da Real Academia Galega (RAG) na sede da institución, na coruñesa rúa Tabernas.

Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica.

Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con institucións como o Instituto Pai Sarmiento ou a RAG, na que ingresou en 1956 no sitio que deixou Castelao. Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio das Letras e das Artes da Xunta.

A RAG creou o Día das Letras Galegas en 1963, ano que se lle dedicou a Rosalía de Castro por cumprirse o centenario da publicación da súa obra 'Cantares Galegos'. En 2018, o 17 de maio dedicóuselle á escritora cacereña María Victoria Moreno, quen realizou gran parte da súa obra literaria en lingua galega.