O gaiteiro moañés dá un paso máis na súa carreira discográfica coa edición de Vortex. Na nova obra continúa mantendo ese estilo que o fai beber das fontes musicais galegas, máis tamén das de Escocia e Irlanda. "Sempre me gustou a música deses dous países. Temos conexión pola historia, as nosas tradicións e ese Océano Atlántico que nos une. Creo que a obra é un traballo coherente co que estou a facer. Colaboro con músicos de Escocia e Irlanda. No disco reflíctense eses gustos e inquedanzas dun gaiteiro que está en contacto con eles", comenta Anxo Lorenzo.

Este é o álbum que contén máis composicións propias do gaiteiro e entre elas salienta, pola forma de concibila, a titulada como Berobreo Blues. "É un tema que gusta. Ten ese toque exótico de facer un blues con instrumentos tradicionais, como a zanfona ou o whistle. Os temas do disco compúxenos na casa. De súpeto xorde unha melodía e vas construíndo a peza. Os músicos irlandeses comentáronme que Vortex lles lembraba moito ao ritmo da súa jiga. Silviris xurdiu cando a miña muller estaba embarazada e a inspiración veu de esperar a miña filla. Tocáballa cando estaba no ventre e é unha peza moi alegre. Para Héctor en Moaña inspireime no popular tema escocés Hector the hero".

O violinista irlandés Eoghan Neiff leva anos traballando canda Lorenzo e forma parte da súa banda nos directos. Neste traballo achega dúas composicións. "Fixo Rakish Pipers, un arranxo que fai de varias pezas irlandesas, e Amo, inspirado nun tema galego que un día vimos nun cancioneiro. Chamoulle a atención e de aí xurdiu esta composición que aparece en Vortex. Seguramente sexa a máis experimental". Entre as pezas arranxadas hai dúas que nos retrotraen ao tempo dos Muxicas, "que foi un grupazo e un gran referente para moitos gaiteiros".

Adoitamos falar do moañés como gaiteiro, mais no disco tamén ten un peso importante o son do low whistle. "Neste hai máis whistle que noutros. É un instrumento co que me sinto moi cómodo, tamén para compoñer. Cando podo tento fusionar e compatibilizar a gaita e o whistle. Teño claro cando se axusta mellor un deles para unha composición".

Lorenzo leva anos sendo convidado a participar nos mellores festivais de gaita. O artista goza de maior atención no estranxeiro que na súa terra. "Quizais os medios de comunicación non axudan a difundir esta música. Non son un caso único. En Coruña hai grandes gaiteiros, por exemplo Daniel Bellón e Edelmiro Fernández, que tamén tocan máis fóra. É unha mágoa. Estando recentemente en Madrid vin a falta de cultura que hai sobre a música folk e a gaita. No estranxeiro alucinan coas posibilidades que ten a gaita galega. Dalgún xeito é como ter petróleo e non querer exportalo. Temos un nivel fantástico nos músicos galegos e sería unha riqueza para Galicia saber exportalos ben".

O traballo é unha produción propia, algo que cada día abunda máis nun panorama musical global no que as discográficas perderon peso.

"Decidín coller o touro polos cornos e asumir toda a produción e ter o control da obra para evitar problemas no futuro. É algo que resulta complicado. Levo un ano traballando arreo no disco e asumindo os custes de músicos, estudos, produción e fabricación do álbum. Esgota bastante, pero é o que nos toca. Estou contento coa acollida e os concertos que van saíndo. Coido que os números darán ben e non terei problemas para cubrir o que supuxo editalo".