O grupo Milladoiro levaba bastante tempo sen editar un traballo con pezas novas e este ano deron o paso de elaborar unha nova obra, co título de Atlántico, que lle virá ben para incorporar novos temas ao repertorio, xa demasiado coñecido, que interpretaban nos seus concertos. No novo traballo hai cinco composicións de autor, repartidas entre os compoñentes máis novos da formación (Manu Conde, Harry C e Manu Riveiro). Dende hai moitos anos as pezas de autor asinábanse colectivamente co nome do grupo, unha decisión que agora mudou.

Conversamos con Manu Conde, quen toca guitarra e bouzouqui na banda, na que entrou no ano 2000, e que exerceu como produtor musical do álbum, que mantén esa estética musical característica de Milladoiro. "A primeira regra para min era non tirarlle a esencia ao grupo. Procurar unha sonoridade o máis moderna posible sen perder o que significa Milladoiro. Foi unha responsabilidade exercer como produtor, pero me sentín con forzas para facelo e tiven a confianza dos compañeiros, o que para min foi o máis importante. Gozamos moito co proxecto, coa evolución dos ensaios, a gravación e a mestura".

Manu considera que todos estes anos na banda "foron moi gratificantes e debín evolucionar co grupo segundo pasaban o tempo. Para min foi unha aprendizaxe constante e serviume para afondar no bouzouqui, un instrumento que eu non adoitaba empregar antes de chegar ao conxunto".

Conde compón bandas sonoras, mais cando se fan pezas para o grupo ten claro que se debe cinguir a un mundo sonoro que marcou unha época na música do país e que está caracterizado, entre outras cousas, pola elegancia. "Tes que ter moito tacto coa sonoridade da banda para non desvirtuala. Dentro desa esencia da que falaba entra esa elegancia que sempre caracterizou a Milladoiro. Cando escoitabas unha peza xa sabías que era deles e iso é moi importante poder mantelo".

As novas composicións

Comenta Conde que as novas pezas de autor incluídas no álbum xurdiron "de cousas que estaban gardadas, que semellaban boas ideas coas que traballar no grupo e foron evolucionando ata quedar rematadas e tamén xurdiron algunhas ideas de xeito un pouco máis espontáneo durante o período de preparación deste disco. As dúas que eu fixen veñen de proxectos gardados e podían funcionar ben para Milladoiro. Cando as presentei, o grupo considerou que tiñan boas probabilidades para poder sacar algo bonito co que tiña artellado. Os veteranos da formación apoian moito as propostas cando ven que encaixan ben na banda. Todos expoñemos o noso punto de vista para tentar facer o mellor tema posible con esas ideas que xorden".

No que atinxe aos arranxos das pezas tradicionais incluídas no disco "debemos salientar o traballo de Pepe Ferreirós e Nando Casal, quen son os que propoñen eses temas e téñeno moi claro, saben as que lles van mellor ao conxunto. O que escollen adoita axustarse moi ben ao espírito da banda. Algunha cáese porque pensamos que non é o mellor momento para facela e deixámola para o futuro", di Conde.

No disco atopamos unha peza con sabor irlandés, algo que aparece máis veces na discografía da banda, e un tributo ao cantautor escocés Ewan MacColl, do que o violinista Harry canta un dos seus temas.