Rafael Alba é o autor de Nunca perseguí la gloria, no que realiza un detallado percorrido pola traxectoria musical de Eliseo Parra. Na obra fala da súa andaina na música de raíz, mais tamén comenta o seu paso como cantante por grupos de salsa, onde obtivo bastante éxito. Chegou a cantar coa Orquesta Platería nos anos de maior éxito desa formación e nun momento determinado formulouse a posibilidade de poder dedicarse ao flamenco, posto que tivo ofertas serias, mais a súa idea de futuro non pasaba por exercer ese labor.

Ao longo da obra vemos como Parra sempre optou por se mergullar naqueles traballos que lle enchían musicalmente e esa foi a valoración que sempre empregou para ir elaborando a súa carreira. O autor indica que unha das características do músico é que non se circunscribía á hora de traballar ao folclore da súa terra castelá, naceu nun pequeno pobo de Valladolid, senón que transitou con naturalidade por outros territorios do estado, algo que o diferenciaba de artistas destacados na música de raíz como, por exemplo, os grupos Oskorri, Milladoiro e Al Tall, que adoitaban coller para o seu repertorio cancións que proviñan dos seus lugares de orixe. O disco que lle outorgou visibilidade e prestixio foi Tribus Hispanas, gravado en 1998.

Non hai recollidas demasiadas palabras do músico no libro, mais esta é toda unha declaración de principios musical sobre o material co que lle gusta traballar: "Eu necesito saber de onde veño para coñecerme mellor e o que ao comezo foi unha procura da miña auténtica cultura converteuse no recoñecemento dunha música tan rotunda que ningún compositor pode superar. A música tradicional que en primeiro lugar un individuo compuxo (e non para gañar cartos) entrégaa ao pobo, este faina súa e vailla pasando aos seus descendentes, coma unha herdanza, ata que chega a nós pulida coma unha xoia a forza de seguila cantando, sen campañas promocionais nin monopolios de mercado; dese xeito eu retómoa, recréoa o mellor que sei e pásolla aos seguintes".

Parra exerceu como produtor en dous discos de artistas galegos. Tiña esa función en Folla de lata, do grupo Chouteira, gravado nos estudos Elkar co técnico de son Jean Phocas. Di o autor do libro que o castelán gozou moito na elaboración dese traballo, aínda que traballaban a cotío de madrugada e o gaiteiro da banda tiña o costume de se erguer moi cedo para tocar. Davide Salvado sempre tivo claro que lle ofrecería ser o seu produtor cando debutase discograficamente e o vallisoletano aceptou esa proposta en 2011 coa saída ao mercado de Árnica pura.

Eliseo Parra vén de obter o prestixioso premio de folclore Agapito Marazuela. Como curiosidade, unha bela interpretación na súa voz do tema Por que non hei de cantare foi finalista como mellor tema en galego nos Premios da Música.