Xosé Liz participou en decenas de gravacións doutros artistas e foi construíndo unha sólida carreira dende que exercese como cerebro no grupo Beladona. Adoita acompañar nos directos a Anxo Lorenzo, ao igual que fixo, entre outros, con Óscar Ibáñez e grupos como Ardentía ou Xarabal. Era un dos membros do desaparecido conxunto Riobó e foi un dos compoñentes do trío Lizgairo, co que gañou o PREMIO OPINIÓN ao mellor disco no ano 2008.

Malia que dá clase de requinta na E-trad, saca tempo para ter unha intensa actividade artística. Para o ano que vén haberá unha sorpresa co trío Entre Trastes, un dos seus proxectos, cos que logrou un PREMIO OPINIÓN.

Traémolo a estas páxinas porque realizou o seu debut como solista con O cantar dos frautares. Estabamos afeitos a velo nun escenario tocando instrumentos de corda, mais agora dá renda solta a súa faceta de frautista. "Tiña pensado facer este traballo hai tempo, pero non vin o momento axeitado ata agora porque aínda que nunca teño tempo libre diminuíra a miña actividade noutros proxectos e aproveitei a ocasión. Eu comecei como frautista nos grupos Salteirum e Beladona e o de tocar as cordas foi unha encarga que, ao final, resultou moi longa. O guitarrista que tiñamos en Beladona só queria facer sós e tiven que meterme eu e ata agora".

No álbum emprega diferentes frautas, segundo lle conveña máis unha sonoridade determinada a cada tema. "Tiven moita sorte porque conto con amigos que me fan favores e puiden dispor de instrumentos moi variados. Estiven un mes restaurando unha frauta de marfil do século XVIII e foi un logro poder tirarlle algún son. Semellaba algo moi complicado de conseguir, mais teimei en que debía tocala nesta obra e logreino. Outra cousa complicada de facer é cando pasas dunha frauta en re do século XIX a outra que construíron hai pouco tempo. Aí o que custa é reeducar a túa embocadura, a altura na que ten que estar o beizo, se debes tocar máis relaxado ou non... Pasar dunha a outra si que me deu dificultades".

O repertorio elixido podemos dicir que se divide en tres partes: as pezas tradicionais galegas, as composicións propias e os temas doutros folclores. "A min paréceme un punto moi interesante facer pezas propias. A miña composición está moi baseada, case sempre, na música tradicional galega. Cando te metes noutro tipo de músicas estás fóra do terreo que máis controlas e tes máis posibilidades de esvarar. O tema búlgaro que incorporo no álbum lino de partitura e cando o escoiotu un musico de alí comentoume que quedara algo co que non se podía bailar. Gústame abrir fronteiras e comprobar que se poden facer outro tipo de músicas".

Nos últimos tempo non existe na música de raíz galega unha figura de frautista que saliente e o instrumento non ten demasiasdo peso nas propostas musicais que se presentan. "A requinta goza de boa saúde, pero é verdade que dende os tempos nos que estaban Luís Areán no grupo Dhais, Antón Rodríguez en Na Lúa e Xosé Méndez en Milladoiro non houbo un elo de frautistas que continuase ese vieiro. Da xente que me chega a min á escola comprobo que a frauta é o seu segundo instrumento. Non son frautistas, case todos son gaiteiros. Eu trato de educar aos alumnos e alumnas que teñen talento para que o entendan como un instrumento principal, que é o que é, e non como secundario", remata Liz.