A primeira rolda de votacións sitúa aos filmes A sombra da lei e Trote como as producións máis votadas entre as 167 que se presentaron aos XVII Premios Mestre Mateo, acaparando 15 candidaturas cada unha.

A unha certa distancia sitúanse a serie O sabor das margaridas con 8, a longametraxe Contou Rosalía con 7, e o programa Land Rober Tunai Show e o documental Versogramas con 4 cada unha.

A sombra da lei opta a facerse co galardón á mellor longametraxe, mellor dirección para Dani de la Torre e todas as categorías profesionais ás que optaba -dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, música orixinal e vestiario-.

Tamén compiten Michelle Jenner e Luis Tosar pola mellor interpretación protagonista e Adriana Torrebejano e Ernesto Alterio polas de reparto.

Trote, pola súa banda, opta a 15 candidaturas en 13 categorías diferentes. Entre elas atópanse a de mellor longametraxe ou mellor dirección e mellor guión para Xacio Baño, que comparte esta última con Diego Ameixeiras.

Alén disto, tamén dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, maquillaxe e perruquería, montaxe, son, vestiario e 5 candidaturas nas interpretativas: reparto para Melania Cruz, Tamara Canosa e Celso Bugallo e protagonistas para María Vázquez e Fede Pérez.

Os Premios Mestre Mateo entregaránse o sábado 2 de marzo no Pazo da Ópera da Coruña, nunha gala dirixida pola guionista, actriz e directora Sonia Méndez.

Buscadores de naufraxios, Land Rober Tunai Show, Malo será! e Zig Zag Fin de semana compiten polo premio ao mellor programa de TV, mentres que María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez fan o propio polo de mellor comunicador/a. Os Mariachi, Serramoura e Viradeira disputarán o de mellor serie coa xa mencionada O sabor das margaridas.