O novo proxecto do músico galego Xosé Lois Romero alicérzase no son de tres acordeóns e para esa aventura musical rodeouse do asturiano Marcos García e o escocés Angus Lyon.

A idea de xuntar tres acordeóns para realizar un disco tíñaa Romero dende hai bastantes anos. "Ese concepto remoía polos meus miolos e estivo anos agradando o seu momento". O primeiro paso para comezar deuno en xaneiro de 2017. "Nesa altura metéuseme ente cella e cella falar con Marcos, a quen vira tocar un par de veces e non coñecía persoalmente, e decidín escribirlle. Por fortuna, pareceulle unha proposta moi bonita e aínda que daquela traballaba en Florida, e non sabía canto tempo ía quedar, quixo formar parte dun proxecto que eu considero orixinal e diferente".

Nese momento xa tiñan un acordeón cromático e outro diatónico. Faltaba o acordeón piano para completar o trío "e foi Marcos o que me mandou a música de Angus, que eu non coñecía. Encantoume o que escoitei e, ademais, penso que tiña puntos en común co que eu facía". Neste caso tampouco había un contacto previo persoal e volveu funcionar o mail para realizar ese achegamento. "Mandámoslle música de referencia e el deu como resposta que semellaba unha tolería marabillosa o que pretendiamos realizar". Quedaba ver como fluiría todo cando os tres acordeonistas se xuntasen para pór en común as súas ideas e a primeira vez que se puxeron a tocar, en Escocia, nun estudo que ten Lyon "a verdade é que sucedeu algo incrible, foi como se o levásemos facendo durante anos. Nos non coñeciamos e non tocáramos antes xuntos. Penso que a xestación de AccordTrio foi como xogar á lotería e que nos tocase. Para min é, probablemente, a experiencia musical máis impresionante que tiven na miña vida", comenta Romero.

Xuntáronse tres compositores que realizan pezas inspiradas nas tradicións dos seus países "con vocación contemporánea. No sentido musical o namoramento resultou doado e abraioume o concepto rítmico que temos da música e a forma de tocar, xa que non resulta común ter unha mesma percepción nese aspecto. Os tres temos personalidades moi acusadas ao tocar e traballando xuntos cadaquén atopou o seu lugar nesa estrutura que facemos dos temas".

Na parte persoal a conexión tamén funcionou de marabilla e os lazos fortalecéronse na pequena xira que realizaron para tocar en Galicia e Asturias. No aspecto musical "en moi pouco tempo acadamos tal solidez estrutural que iso nos serve para ser moi libres nos directos e aínda desenvolvemos máis o mundo interior que permite o trío de acordeóns".

No álbum atopamos cinco composicións de Romero e os seus compañeiros achegan dous temas cadanseu. Puxeron en común varias pezas e as que funcionaron mellor foron as elixidas para ser incorporadas ao disco. "Que sexan máis das miñas é algo circunstancial. Foi porque axiña vimos que funcionaban para o noso propósito e sinto que algunha máis deles non estea no álbum porque me encanta o que fan". No que atinxe ás pezas da súa autoría, algunha xa era coñecida na súa traxectoria e foi adaptada para este proxecto, como un tema que preparara para un espectáculo de Nova Galega de Danza ou o que fixo para o debut nos escenarios como solista de Sonia Lebedinsky nos PREMIOS OPINIÓN, e despois existen outras composicións que foron feitas expresamente para este novidoso trío de acordeóns.