A gran novidade dos galardóns nesta edición vén a través dese novo premio creado para salientar as mellores adaptacións realizadas dunha peza tradicional galega.

En canto ás propostas artísticas dos discos editados durante o ano pasado salientan esas opcións estéticas heteroxéneas que se saen do máis común e que foron editadas por Mercedes Peón e o dúo Vudú. O xurado valorou a súa orixinalidade e que procuren un lugar sonoro propio. A coruñesa levaba tempo sen editar disco novo e aínda non participara no novo formato dos premios, que principiou na décimo primeira edición. Co seu disco anterior lograra, empatado con SondeSeu, o galardón como mellor álbum do ano e dáse a casualidade de que, nesta ocasión, tamén se podería producir o mesmo resultado, xa que comparten un lugar como finalistas. A compositora opta a levarse o premio en tres categorías.

Belém Tajes e Maritxinha forman Vudú e no seu primeiro disco foron quen de revisar, sen prexuízo ningún, as pezas tradicionais do país para dotalas de arranxos que levan a estilos como pop, soul, funky ou rock. A súa versión de Moreniña é un bo exemplo do que están a facer e Tajes tamén aparece como finalista.

Na última década, a música de raíz europea está a evolucionar para se adaptar á contemporaneidade e estes dous proxectos dos que falamos serven para enriquecer a nosa escena musical, que amosa estar ben servida, tal e como se observa coas outras obras que acadaron algunha candidatura de finalista.

Igual que acontece con Mercedes Peón, tamén levaban tempo sen publicar un novo álbum a banda Milladoiro e Susana Seivane, que non puideran competir co novo formato dos galardóns. Os traballos que editaron o ano pasado aparecen reflectidos na táboa de finalistas. O conxunto logrou dúas candidaturas e optarán a ser o mellor disco do ano e tamén a inaugurar o capítulo de vencedores nesa nova categoría de mellor adaptación dunha peza tradicional.

Pola súa banda, a gaiteira realizou un traballo con moitas composicións propias e unha delas conseguiu meterse entre as catro máis destacadas.

Non resulta estraño ver a SondeSeu como un dos artistas destacados nos PREMIOS OPINIÓN, xa que no palmarés aparecen como gañadores en dúas ocasións, mais no formato actual aínda non se levaron ningunha estatuíña e terán ocasión de incorporala ao seu historial nesta décimo oitava edición en dúas das categorías. Optan a mellor disco e coa peza que abre o seu álbum, unha composición de Quico Comesaña, un home que deixou grandes temas cando formaba parte de Berrogüetto.

O trío Tanxugueiras debutou discograficamente en 2018 e a súa aparición xerou bastante expectación, non en van foron un dos grupos máis demandados polos programadores durante o pasado verán. Ademais do poderío das súas voces, sempre ben empregadas, contaron na parte musical co acompañamento nos arranxos dos temas de Pedro Pacual. O compoñente de Talabarte xa amosou en diversas ocasións a súa valía como músico e adoita realizar con acerto as funcións de produtor musical. A peza finalista é a que abre o álbum, unha mostra fiel do estilo que paira sobre a obra. Tamén acadou dúas candidaturas o gaiteiro Anxo Lorenzo. A interesante peza destacada polo xurado dá unha lixeira volta ao seu estilo dentro dun traballo no que decidiu empregar máis temas de composición que noutrora. O moañés terá outra opción de gañar un premio na categoría de mellor artista, onde comparte lugar como finalista o veterano arpista Rodrigo Romaní, quen xa obtivo ese recoñecemento hai seis anos.

Para rematar, temos ás Habelas Hainas como finalistas polo seu acerto á hora de realizar os arranxos do tema Salvadora.

Finalistas XVIII Premios Opinión