12 de marzo de 2019
12.03.2019

Un ano con proxectos heteroxéneos

Mercedes Peón e Vudú achegan traballos cunha estética diferente dentro dun cadro de finalistas no que tamén atopamos a Milladoiro, Tanxugueiras, Anxo Lorenzo e SondeSeu

12.03.2019 | 17:42

Nove discos son os que lograron obter un lugar entre algunha das candidaturas de finalista elaboradas polo xurado que outorga os galardóns. Algúns nomes que aparecen na listaxe son coñecidos abondo e xa lograron o premio en anteriores edicións, como é o caso dos grupos Milladoiro e SondeSeu ou dos solistas Susana Seivane, Mercedes Peón e Rodrigo Romaní, aínda que algúns deles os lograran cando existía o antigo formato, no que só se recoñecía aos tres mellores discos do ano. Veremos quen deles pode facerse con outro recoñecemento dos instaurados na nova etapa, que comezou hai sete anos.

A gran novidade dos galardóns nesta edición vén a través dese novo premio creado para salientar as mellores adaptacións realizadas dunha peza tradicional galega.

En canto ás propostas artísticas dos discos editados durante o ano pasado salientan esas opcións estéticas heteroxéneas que se saen do máis común e que foron editadas por Mercedes Peón e o dúo Vudú. O xurado valorou a súa orixinalidade e que procuren un lugar sonoro propio. A coruñesa levaba tempo sen editar disco novo e aínda non participara no novo formato dos premios, que principiou na décimo primeira edición. Co seu disco anterior lograra, empatado con SondeSeu, o galardón como mellor álbum do ano e dáse a casualidade de que, nesta ocasión, tamén se podería producir o mesmo resultado, xa que comparten un lugar como finalistas. A compositora opta a levarse o premio en tres categorías.

Belém Tajes e Maritxinha forman Vudú e no seu primeiro disco foron quen de revisar, sen prexuízo ningún, as pezas tradicionais do país para dotalas de arranxos que levan a estilos como pop, soul, funky ou rock. A súa versión de Moreniña é un bo exemplo do que están a facer e Tajes tamén aparece como finalista.

Na última década, a música de raíz europea está a evolucionar para se adaptar á contemporaneidade e estes dous proxectos dos que falamos serven para enriquecer a nosa escena musical, que amosa estar ben servida, tal e como se observa coas outras obras que acadaron algunha candidatura de finalista.

Igual que acontece con Mercedes Peón, tamén levaban tempo sen publicar un novo álbum a banda Milladoiro e Susana Seivane, que non puideran competir co novo formato dos galardóns. Os traballos que editaron o ano pasado aparecen reflectidos na táboa de finalistas. O conxunto logrou dúas candidaturas e optarán a ser o mellor disco do ano e tamén a inaugurar o capítulo de vencedores nesa nova categoría de mellor adaptación dunha peza tradicional.

Pola súa banda, a gaiteira realizou un traballo con moitas composicións propias e unha delas conseguiu meterse entre as catro máis destacadas.

Non resulta estraño ver a SondeSeu como un dos artistas destacados nos PREMIOS OPINIÓN, xa que no palmarés aparecen como gañadores en dúas ocasións, mais no formato actual aínda non se levaron ningunha estatuíña e terán ocasión de incorporala ao seu historial nesta décimo oitava edición en dúas das categorías. Optan a mellor disco e coa peza que abre o seu álbum, unha composición de Quico Comesaña, un home que deixou grandes temas cando formaba parte de Berrogüetto.

O trío Tanxugueiras debutou discograficamente en 2018 e a súa aparición xerou bastante expectación, non en van foron un dos grupos máis demandados polos programadores durante o pasado verán. Ademais do poderío das súas voces, sempre ben empregadas, contaron na parte musical co acompañamento nos arranxos dos temas de Pedro Pacual. O compoñente de Talabarte xa amosou en diversas ocasións a súa valía como músico e adoita realizar con acerto as funcións de produtor musical. A peza finalista é a que abre o álbum, unha mostra fiel do estilo que paira sobre a obra. Tamén acadou dúas candidaturas o gaiteiro Anxo Lorenzo. A interesante peza destacada polo xurado dá unha lixeira volta ao seu estilo dentro dun traballo no que decidiu empregar máis temas de composición que noutrora. O moañés terá outra opción de gañar un premio na categoría de mellor artista, onde comparte lugar como finalista o veterano arpista Rodrigo Romaní, quen xa obtivo ese recoñecemento hai seis anos.

Para rematar, temos ás Habelas Hainas como finalistas polo seu acerto á hora de realizar os arranxos do tema Salvadora.

Finalistas XVIII Premios Opinión

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario