O grupo Tanxugueiras recibiu o premio ao Mellor álbum en galego 2018 nos premios MIN da música independente, unha categoría na que estaban nomeados Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezeterre. Formado polas xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, e Aida Tarrío, reivindican a renovación da música tradicional galega e defínense xa non só como cantareiras, senón como músicas, arreglistas e autoras.

Recolleron o premio durante a gala celebrada no Teatro Circo Price de Madrid e fixeron un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira que servirá de despedida dese traballo.

O disco homónimo de Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, a India, Suíza e a súa terceira participación no Festival Celtic Connections de Glasgow. Convertíronse en virais grazas a un vídeo no que improvisaban un ritmo de panaderas nos camerinos de Glasgow. E, crecendo da man de Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single East West.

"O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer", aseguran. Despois de percorrer desde o 2016 palcos do país e algún internacional e despois de poñer música a actos e encontros diversos decidiron gravar o seu primer disco.