Naceu albino nun lugar no que son considerados como causantes de boa sorte... cando son sacrificados. Os reis antigos gardaban os albinos para cando os tempos ían mal e necesitaban unha axuda divina que servise para mellorar a situación. Nese contexto veu ao mundo Salif Keita, no ano 1949, no seo dunha familia pobre pero que posuía unha liñaxe excepcional, ao ser descendentes do emperador mandinga Sundiata Keita.

O maliense quería estudar pedagoxía, pero a súa mala vista, característica das persoas albinas, impediulle presentarse a un exame e iso empurrouno cara a outra vocación, a música, coa que se convertería nunha lenda. Un albino actuando era algo anormal, mais tampouco era nada común o xeito que tiña de cantar, que emocionaba ao público, e que lle valeu o alcume Voz de Ouro.

A súa carreira comezou tocando en bares cutres de Bamako, ata que lle chegou unha oferta para se integrar no grupo Le Super Rail Band, que dependía do Ministerio de Transportes do país, polo que os seus compoñentes eran funcionarios que actuaban cun traxe oficial en escena amenizando nas estacións de trens a longa espera dos pasaxeiros.

Anos máis tarde, Keita fichou por unha banda rival, chamada Les Ambassadeurs du Motel de Bamako, subvencionados polo Ministerio do Interior. Un dos xefazos policiais de Malí era un auténtico devoto de Keita e por iso recibiu esa oferta. Ao estar pagados por ese ministerio moita xente cría que os músicos exercían, ademais de tocar, o labor de confidentes. Con eles, Keita comezou a se introducir en música con elementos de jazz, da canción francesa e do pop anglosaxón dentro dunhas estruturas rítmicas africanas nas que non esquecían apoiarse.

Dous anos máis tarde marchou a Costa de Marfil e pasou a engrosar o cadro de persoal do grupo Les Ambassadeurs Internationales. Estivo oito anos facendo música con esa formación ata que decidiu emigrar a Francia. Antes de marchar tivo tempo a efectuar unha viaxe xunto ao colega Mory Kanté aos Estados Unidos para gravar dous álbums, titulados Tounkan e Primpin.

París é unha capital na que viven moitos músicos africanos. Cando Keita chegou, malia que xa era un artista cunha carreira moi interesante e bastante experiencia, debeu comezar desde abaixo e foi facéndose un nome tocando en bares modestos e en centros nos que tiña como público aos inmigrantes africanos que moraban naquel país. O ano 1987 foi o da consagración do de Malí ao editar o disco Soro. A partir dese momento, o seu nome xa non se vai asociar máis a locais pequenos, senón que a súa andaina profesional principia a tomar gran forza. Os seguintes discos reafirman a súa carreira e conságrano como unha figura mundial da world music.

Ser diferente

Nacer albino vai marcar toda a vida do artista. En canto acadou sona meteuse de cheo na loita por dignificar a vida da xente coma el e participa fondamente en agrupacións e fundacións que pretenden mellorar as condicións de vida dos albinos e facer pedagoxía para explicar que non son persoas que traian mala sorte, un pensamento produto da incultura e intolerancia dunha parte dos cidadáns que os ven como unha maldición. Contra esa supersticións debeu loitar Keita, quen declara que nacer albino en África "resulta dramático". O obxectivo final é facilitar a súa integración na sociedade e axudar con cremas solares e outras cousas que precisan, xa que non poden estar moi expostos ao sol.

"Son un home negro/a miña pel é branca e gústame / é a miña diferenza". Estes son uns versos incluídos no tema La différence, que dá título a un álbum do músico. No seu último traballo, que presentará nuns días na Coruña, volve incidir nesa temática no título da obra, á que chamou Un autre blanc (Outro branco). Nas letras das súas cancións expresa claramente a súa visión do mundo e non faltan nelas múltiples referencias sociais e políticas sobre diversos asuntos que o preocupan.

Neste último álbum atopamos a un Keita en moi boa forma creativa, xa que supera claramente a obras anteriores, polo que o público coruñés vai ter sorte ao poder escoitalo neste momento óptimo da súa carreira. Nalgún medio de comunicación dixo o maliense, que ten setenta anos de idade, que este sería o seu derradeiro disco, mais veremos o que sucede realmente no futuro.

A primeira vez que visitou terras galegas foi para participar en 1995 no desaparecido festival Cidade Vella, de Santiago de Compostela, nun momento no que a súa arte estaba en plenitude. Nas visitas posteriores quizais non o axudou demasiado o repertorio elixido e as actuacións foron dun nivel inferior. No ano 2005 tocou outra vez na capital galega, no Auditorio de Galicia, e dous anos máis tarde pisou o escenario do Coliseum na Coruña. Do recital no Auditorio lembran os presentes que o músico decidiu que o público, malia estar nun teatro, tiña que vivir de pé o seu recital e pediu expresamente que se erguesen das súas butacas. Veremos se repite a petición o vindeiro 20 de abril cando comece a actuación ás oito da tarde no teatro Colón.

As influenzas occidentais na música de Keita fóronse facendo máis evidentes co paso dos anos e iso valeulle a crítica dalgún colega que xa non consideraba como africanas as súas composicións. Isto é que declaraba respecto a ese tema o maliano á revista española World Music: "A música africana seguirá sendo africana cando se reproduza na súa faceta máis tradicional, pero penso que será incluso tanto máis africana cando se mesture con outras culturas. Pódese pasar a través da óptica do funk, do reggae e incluso do rock. De feito, hai unha raíz africana en todas esas músicas e o feito de combinalas non fará senón fortalecer ese tronco común. Xa non é só que se xunten músicos de diversos lugares, senón que, cada vez máis, os propios grupos africanos incorporan todas esas influencias dende a súa propia perspectiva, conseguindo así un resultado novo".

Na última década cada vez existen máis exemplos de artistas africanos que, sen perder as raíces musicais, tiran doutras influencias con naturalidade para elaborar a súa proposta artística.