O grupo Entre Trastes vai ser o encargado de pechar a gala de entrega dos XVIII PREMIOS OPINIÓN da Música de Raíz. Conversamos con dous dos seus compoñentes, Álvaro Iglesias e Xosé Liz, artistas que contan cunha sólida traxectoria na que xa formaron parte de diversos proxectos.

Dende que realizaron o seu debut discográfico pasaron doce anos e tampouco realizaban concertos. A que foi debido ese parón musical?

Álvaro Iglesias: Daquela estabamos a tres mil cousas, con moitos proxectos musicais, e con Entre Trastes tampouco tivemos moitos concertos, así que fomos deixando arredada esta banda.

Xosé Liz: Cando fas un proxecto que se sae no seu estilo do que resulta máis clásico sempre é difícil permanecer. Cun formato como o que temos, só con instrumentos de corda, resulta máis complicado. Co nivel de esixencia que temos neste grupo, se non hai resultados en forma de actuacións... é complicado.

Como acolleron a proposta de vir actuar á gala con pezas novas que van dar lugar á saída dun segundo disco do grupo?

A.I: Hai uns cinco anos falamos de poder realizar pezas para un segundo disco, mais finalmente a idea non prosperou. Agora chegou a proposta nun momento moi bo. Temos máis tempo para montar un repertorio e, ás veces, sucede que as cousas chegan no seu momento oportuno. A nós deixounos moi ledos recibir ese convite para poder actuar na gala.

X.L: É algo que nos animou moito. É un punto de saída moi interesante para poder preparar novas pezas e realizar un segundo álbum. Nós gozamos moito con esta proposta musical.

Entre Trastes é un proxecto diferente no panorama musical galego, no que existe unha aposta polos instrumentos de corda. Dende que sacaron o álbum non houbo propostas semellantes á súa. A que cren que é debido?

A.I: É certo que en Galicia non saíu nada semellante. Hai propostas máis sinxelas, cun violín e acompañamento, pero non sei porque non saíron propostas máis achegadas ao que nós facemos, nin na instrumentación nin no tipo de arranxo. Cando nacemos como banda eramos un trío e quizais optamos por esta vía para romper musicalmente co que faciamos noutros grupos nos que estabamos.

X.L.: Teñen que darse unhas circunstancias especiais para montar un proxecto deste estilo. Primeiramente, tes que ser un fondo coñecedor da música tradicional e a partir de aí engadir o labor de instrumentos como guitarra, bouzouqui, mandolina e contrabaixo cun nivel de execución moi alto. Cómpre sinalar que eses instrumentos adoitan ser empregados como acompañamento e nós apostamos por ter a un ou dous funcionando como melodía. Considero que Entre Trastes é un brinde ao sol romántico.

As novas pezas van seguir a liña do xa coñecido ou vai haber novidades no estilo que presenten?

A.I: A instrumentación é semellante, co engadido dunha mandolina, que terá o seu protagonismo. Eu farei máis melodía e rítmica no contrabaixo. No que atinxe ao repertorio haberá unha parte que tirará cara ao bluegrass. Foi algo que xurdiu casualmente e vén porque Dani Vilar é seareiro dese estilo.

X.L. No anterior disco tocaba moito o bouzoqui e agora tócame facelo coa mandolina. Hai tres bloques diferenciados: o da música galega, as composicións e outras músicas, onde salienta a opción do bluegrass.

Como reparten o tema das composicións?

A.I: O primeiro que facemos no grupo é achegar as nosas composicións, dar o noso enfoque, e despois xa miramos o que podemos meter de música tradicional. No repertorio debe haber un reparto dun 50% entre as pezas propias e arranxos de temas tradicionais e todos os compoñentes do conxunto asinamos algunha composición.

Dáse a coincidencia de que os dous sacaron o ano pasado discos como solistas, no que significaba o seu debut nesa faceta. Coméntennos as diferenzas que existen entre realizar un álbum para un colectivo ou facelo sendo o máximo responsable do traballo?

A.I: Cando es ti o solista levas o peso da obra, mais aínda que esteas nun grupo existe unha responsabilidade grande. No proxecto de Entre Trastes véxome case coma un solista. Facemos arranxos moi coidados e complicados de tocar. Á hora de tocar fágoo dun xeito semellante ao que realicei para o meu traballo como solista.

X.L: É un chisco complicado cando vés de ser solista a integrarte nun conxunto. Vou dicir algo que espero sexa ben entendido, no seu contexto. A miña experiencia de todos estes anos indícame que nun grupo a democracia non funciona, o que non quere dicir que en todas as bandas haxa un líder autoritario que marque as pautas. Nalgunhas formacións sucede iso e vailles ben. No que eu experimentei o que dá mellores resultados é funcionar con parcelas de poder. Se un é bo especialmente nunha cousa, facendo arranxos ou levando a comunicación, é esa persoa a que debe tomar a última decisión, o que non quere dicir que os demais non poidan opinar, mais alguén debe marcar unha directriz clara. Se todos queren meter man en mil asuntos, iso pode derivar nunha pelexa. En todos os grupos que coñezo a democracia sempre funcionou mal, xa que se todos queren decidir sobre todo entón existen miles de ideas, pero o concepto musical non está nada claro.

Cando os premios tiñan o anterior formato, Entre Trastes logrou o galardón como segundo mellor disco do ano e actuaron na gala de entrega de premios. Que representa para vostedes estar presentes nesta cerimonia?

A.I: Para min sempre resultou moi agradable estar nos premios, xa sexa enriba do escenario ou no patio de butacas, xa que o ano pasado fun finalista na categoría de mellor artista. Entre Trastes tamén estivemos na gala na que se homenaxeou a Milladoiro e aí tiven a sorte de recuncar no escenario, posto que tamén toquei con Anxo Lorenzo. Lembro esa noite como algo xenial e encantoume participar. Para min, Milladoiro e Na Lúa, cada un co seu estilo, son as dúas grandes bandas galegas que tivemos dentro da nosa música de raíz. Os PREMIOS OPINIÓN son uns galardóns moi importantes que serven para reivindicar aos artistas que traballan na música de raíz e eu vou sempre encantado a tocar.

X.L: Sentímonos sempre moi ben acollidos e respectados como músicos cando fomos actuar. Polo que vin na traxectoria dos galardóns prima un criterio de calidade e valórase a orixinalidade das propostas musicais. Para min é unha honra poder actuar na gala. Prometo falar menos que a última vez, que me pasei do tempo.