Carmen Rey é a directora do coro, que abrirá a gala dos premios. Conversamos con ela sobre a formación e a actuación que farán pasado mañá.

Como naceu o coro?

E un proxecto que nace das conversas que teño con Ángeles Dorrio. Falabamos que no panorama musical galego había moi boas voces e que sería bonito poder xuntalas. Ela e máis eu dabamos clase e tamén viamos o nivel das nosas alumnas, así que nos apeteceu moito montar un coro.

Por que decidiron empregar ese nome e escoller o inglés?

Como o noso estilo musical ten moito de soul pareceunos axeitado que o nome fose en inglés. Lembro estar nun concerto no que a cantante, para que as mulleres do público cantasen canda ela, dirixíase a nós empregando esa expresión, que é como dicir 'cantade, miñas irmás' e pareceunos que quedaba ben.

As voces que o integran son coñecidas no panorama musical galego por participar noutros proxectos. Como son cantantes coñecidas xa sabe da súa valía e supoño que non resulta necesario realizar ningún tipo de proba para entrar no coro.

Si que son coñecidas por nós, mais tamén fixemos algún casting. Neste tempo xa houbo algúns trocos. O que si temos totalmente pechado é o número de integrantes. Son vinte mulleres, cinco voces por cada corda.

As compoñentes proveñen de estéticas musicais diferentes, algo que vai ben co espírito do coro, que pretende adentrarse en diferentes territorios estilísticos, non si?

Iso parécenos algo moi interesante. Creo que así todo resulta máis rico musicalmente. A min sérvenme de moito os seus coñecementos, xa que cando abordamos unha peza que, por exemplo, entra na onda da música tradicional galega conto coas mulleres do coro que proveñen dese mundo para asesorarme nalgunha cuestión, xa que eu son máis dos eidos do soul e o jazz .

Como traballa á hora de realizar un arranxo dunha peza ?

Fágoos todos eu. Sento ao piano e comezo a traballar no tema das harmonías e a melodía para ver como poden encaixar mellor as nosas voces. O meu primeiro achegamento a un arranxo é sempre co corazón, para traballar con emoción e non perder frescura. Eu levo as cousas con naturalidade cara ao soul, mais supón un reto realizar arranxos fóra dese terreo. Gústame facer cousas ás que non estou afeita.

Na pequena actuación que farán na gala supoñemos que se escoitará a variedade musical que achega o coro. Cal vai ser o repertorio e por que elixiron eses temas?

Comezaremos con Setestrelo, un tema que fixo Guadi Galego para o grupo Berrogüetto e que me parece un canto importante no mundo do folk. Respecteina bastante no que atinxe á melodía. Continuaremos con Negra Sombra, á que realicei unha harmonía que me pedía o corazón e que se sae do que pode ser normal, pero traballando sempre con todo o respecto ao que significa ese tema. Démoslle un punto dramático para levala ao noso terreo. Despois cantaremos Could you be loved, de Bob Marley. É un tema de reggae que se pode irmandar co gospel e o soul. A harmonía dábame moito espazo para traballar e esta canción sempre me suxeriu moitas cousas. A penúltima que cantaremos é un espiritual chamado Something I feel like a motherless. É undha canción moi sentida, cun punto tráxico, que adoita facerme chorar. Remataremos a nosa intervención con Aya Ngena, unha peza folclórica africana. É coma un canto de guerra, de forza, e pensamos que será un bonito peche.

Que significa para Sisters in The House actuar no teatro Rosalía e facelo na gala?

Podíase pensar que, quizais, a nosa proposta non encaixase completamente, mais cando vemos que se fala de música de raíz comprobamos que o repertorio elixido, que conta con dous temas galegos, axústase á denominación dos galardóns. Para nós actuar no Rosalía e facelo na gala de entrega dos premios é un luxo.