Chegou o día no que os amantes da música de raíz teñen unha cita ineludible para asistir á gala de entrega duns premios que comezaron a súa andaina hai dezaoito anos. Dende a décimo primeira edición, os gañadores coñécense no decurso da cerimonia, agás no caso do premio Andaina Senlleira que, nesta edición, recaeu no Obradoiro Seivane, uns mestres artesáns na elaboración de gaitas, que exportan a moitos países. Ese galardón recoñece o labor de calquera persoa, asociación ou entidade que traballe, en calquera eido, a prol da nosa música de raíz.

A gran novidade deste ano vén en forma de estatuíña, un deseño elaborado en exclusiva por Javier Gaztañaduy, posto que haberá unha máis que no pasado, que se levará para casa o artista que sexa escollido polo xurado entre os catro finalistas na categoría de mellor adaptación dunha peza tradicional. Decidiuse engadir ese galardón para pór en valor o traballo que veñen efectuando durante tantos anos os músicos galegos con esas pezas. Cadaquén opta por arranxos diferentes para realizar a súa visión e entre os propios finalistas se pode comprobar esa liberdade e riqueza, mais todos tendo sempre en mente a forza da nosa música tradicional e as ganas que teñen de reivindicala.

No que atinxe as actuacións previstas para a noite, adóitase botar man de propostas estilísticas con rexistros diferentes que poidan satisfacer aos asistentes e ofrecer un abano plural do que se está a realizar na escena musical galega. Abren o espectáculo as compoñentes do coro feminino Sisters in The House, que realizan unha viaxe por diferentes sonoridades que teñen ligazón coa música de raíz dende a súa perspectiva moderna e cosmopolita, na que tamén fan un par de pezas galegas.

Todas as formacións están moi satisfeitas por poder actuar no Rosalía porque resulta complicado que teñan esa oportunidade e, ademais, fano nunha xornada moi especial. O grupo Samarúas toca, entre outras pezas, ese Non que na anterior edición foi finalista como mellor tema orixinal, e amosarán a visión contemporánea que teñen da música folk na que se moven. Pecharán a gala os Entre Trastes, que presenta en primicia as pezas do que vai ser o segundo álbum. Fan música instrumental realizada sempre cun gran gusto.