07 de mayo de 2019
07.05.2019

"A nivel compositivo cremos que agora estamos no noso mellor momento"

O conxunto coruñés logrou o ano pasado dúas candidaturas de finalista nos PREMIOS OPINIÓN nas categorías de mellor canción orixinal e mellor disco

06.05.2019 | 20:38
Foto promocional do conxunto Samarúas.

O grupo Samarúas realizou o seu debut discográfico o ano pasado con Prólogo, un traballo que logrou dúas candidaturas de finalista nos PREMIOS OPINIÓN. Nesta décimo oitava edición dos galardóns serán un dos grupos que tocarán na cerimonia de entrega. Conversamos co acordeonista Fran Barcia e a cantante Tania Caamaño.

Como naceu a banda?

Fran Barcia: Hai seis anos que decidimos facer o grupo. Houbo xuntanzas para saber o vieiro que iamos tomar a nivel musical.

Tania Caamaño: Viñamos de mundos diferentes e resultou complicado ir facendo un camiño común cunha idea clara.

F.B: Eu estudara con Tania na escola de música de Cee e sabía como cantaba, así que decidimos incorporala axiña ao proxecto. Resultou máis complicado atopar unha violinista e, ao final, demos conAntía Ameixeiras, que agora non pertence ao grupo.

Quen eran os seus referentes musicais?

F.B: Sempre manexamos un par de opcións e xurdiron certas discrepancias. Unha vía era a de facer algo do tipo Os Cempés ou Quempallou e outra tendía máis ao que elaboraban bandas como Berrogüetto e Fía na roca. Ao comezo foi complicado, xa que os resultados das composicións tanto soaban a unha cousa como a outra, non era algo homoxéneo.

T.C: Os meus referentes estaban na música folk e tradicional, que era o que escoitaba a todas horas. Gustábanme moito Xabier Díaz e Guadi Galego, artistas con moita personalidade. Daquela no noso repertorio había pezas bailables moi tradicionais e outras composicións propias que ían por outra onda diferente e que nas letras tentaban contar cousas.

F.B: O que lembro é unha sensación de que todo debía ser moi rápido, que necesitabamos ir facendo cousas axiña. Quizais iso era algo necesario para a nosa aprendizaxe. Eu analizaba cada nota das bandas que me gustaban. Podería editar un estudo de cada nota, cadencia e tonalidade que facían os Berrogüetto. Ao comezo eu estaba afeito a outras cousas e a súa música soábame un pouco a chinés, pero logo xa foi outra cousa.

T. C: Eu a Berrogüetto, que era un referente para min, só puiden escoitalos en directo cando xa realizaban a súa xira de despedida. Cando saquei o carné de conducir abríuseme o mundo. Creo que as novas xeracións teñen máis acceso ás bandas galegas que lles gustan.

Cando se aposta por temas cantados é importante ter unha boa cantante e tamén darlle o espazo necesario na construción dos temas. Como traballa a presenza da voz cos demais compoñentes do conxunto?

T.C: Foi un proceso de irnos coñecendo. Fixéronme estar cómoda. Estiven uns anos na música lírica e aprendín axiña a cantar coa pandeireta porque me apaixona o tradicional. As cantantes temos unha tesituras na que nos achamos máis cómodas, igual que os instrumentos, e resulta necesario realizar o mellor encaixe posible. É un proceso de convivencia. O meu canto non é de pandereteira e creo que a miña forma de cantar tería unha etiquetaxe estraña. Eu fago moita autocrítica, ás veces dura, estou na procura dun termo medio, e escoito cousas miñas que non me convencen. Continúo en proceso de formación e teño unhas profesoras marabillosas das que aprendo moito.

Hai arredor dun ano que sacaron o primeiro disco. En que momento está agora o grupo?

F.B: Imos como a impulsos, algo que antes me agoniaba. Isto é coma unha carreira de fondo na que estás á espera do teu momento. É un proxecto a longo prazo. É un desafío sacar adiante unha formación deste tipo. É complicado pechar actuacións. Un teatro non o damos enchido e nos festivais, polos cartos que custamos, posiblemente se decidisen por unha opción máis festivaleira. No aspecto estritamente musical, seguramente a nosa ópera prima non sexa a día de hoxe unha representación fiel do que é a banda.

T.C: Movernos a nivel técnico é un desafío. Cando comezamos pensabamos acadar o mellor resultado musical posible e non na rendibilidade. Se fose programadora preguntaríame onde colocar unha banda como a nosa, pensada para tocar en salas ou teatros.

Que significou para Samarúas obter dúas candidaturas de finalistas na pasada edición dos PREMIOS OPINIÓN?

T.C: Unha cousa moi bonita. Prólogo era coma un tarro pequeno no que queriamos poñer todo o que era Samarúas para nós. Cando ves ese recoñecemento, e non só para a canción senón para o disco, pensas que igual se está escoitando o traballo tal como pretendiamos. Estar entre os finalistas foi esa necesaria palmadas nas costas.

F. B: Estaba a pensar o mesmo. Esa dobre candidatura fainos pensar que quizais o traballo non estea tan mal feito. Resultou ilusionante aparecer ente os finalistas e deunos algo máis de combustible para seguir adiante co proxecto. Non procuráramos ningunha distribución para o álbum e houbo sitios aos que non chegou. Non saíu a cousa demasiado ben e tampouco nos proporcionou conseguir moitos máis concertos, polo que estar entre os elixidos na votación do xurado serve para non caer na apatía e seguir turrando. A nivel compositivo penso que estamos mellor ca nunca, pero iso non garante ter máis actuacións. Como non tocamos de xeito continuado resulta máis complicado ensaiar acotío e sempre sentes que non estás todo o preparado que quixeras. Temos que ter fe e non perder a ilusión, pero é algo difícil.

T. C: Estamos todos preparándonos individualmente e estudamos coa intención de aprender o máximo posible, pero tal como di Fran iso non vai traer máis actuacións. Os resultados veñen ser os mesmos que cando non metías tantas horas na túa formación musical.

Dixeron que eran un grupo de salas e teatros. Que representa para a banda poder tocar no Rosalía de Castro e facelo, ademais, nunha gala dos PREMIOS OPINION da Música de Raíz ?

F.B: Como realizamos unha música con detalles e matices consideramos que o contexto de actuar nun teatro vai axudar a como será percibida polo público. Volveremos a un lugar onde fomos felices por estar presentes no acto como finalistas. Aí vin, por exemplo, concertos de TRIM, Dhais ou Germán Díaz e é unha gozada poder estar agora nós no escenario. Gustounos moito sentirnos queridos como músicos por estar con xente que conta cunha gran traxectoria. O meu pai diríame: 'Canto gañas con iso? Pois se non gañas o suficiente non es músico'.

T.C: Menos mal que eu son profesora e así conto cunha estabilidade económica. No patio de butacas sentímonos músicos ao estar rodeados de artistas aos que respectamos moito e iso foi gratificante. Estamos moi ledos por actuar na gala e no Rosalía.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario