Xa é oficial. Ricardo Carvalho Calero será o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2020. O plenario da Real Academia Galega (RAG), reunido esta mañá na sede da institución -no número 2 da coruñesa rúa Tabernas-, acaba de anunciar que o autor da primeira historia da literatura galega (editada por Galaxia no ano 1963) e un dos principais defensores do reintegracionismo (proposta de grafía galega baseada na ortografía lusa) será a figura á que se dedicarán as celebracións do vindeiro 17 de maio.

Dos 23 académicos que votaron, 21 aprobaron a elección, cun voto en contra e outro en branco. Faise xustiza así co filólogo e escritor ferrolán, primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago (USC) e eterno candidato a protagonizar a gran festividade do idioma galego. A elección de Carvalho Calero chega tras a presentación de dúas propostas por parte de dous grupos de académicos -un con trece sinaturas e outro con nove- que propugnaban ámbolos dous, inda que por separado, a súa candidatura.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, foi o encargado de anunciar a elección de Carvalho Calero, a quen reivindicou como "unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX", cunha obra "indiscutible". Freixanes lembrou tamén que o autor ferrolán participou no redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía de 1936, e que xa no exilio exterior, "implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio".

O presidente da RAG destacou, ademáis, que a elección de Carvalho Calero como figura protagonista das Letras Galegas de 2020 chega no ano en que se cumpre o 110 aniversario do seu nacemento en Ferrol, e os 30 anos do seu falecemento en Santiago. Freixanes quitou ferro ao feito de que o filólogo e escritor ferrolán levase anos na terna por protagonizar o Día das Letras Galegas sen resultar elixido, e recordou que "non foi o único". "A candidatura de Filgueira Valverde chegouse a presentar ata once veces ata que foi aprobada polo plenario da RAG. É normal que se xere debate", sinalou.