Os festivais do verán galego da música de raíz son un lugar no que os espectadores adoitan descubrir novas bandas e tamén un referente á hora de falar de artistas de categoría que pasaron ao longo destes anos polos seus escenarios. Dous están de conmemoración, xa que chegan á súa corenta edición. Trátase do Festival de Pardiñas, no concello de Guitiriz, e o Irmandiño de Moeche. Na organización destes eventos adoitan estar á fronte persoas voluntariosas, mais que non son profesionais e se xa, ás veces, as programacións tardan demasiado en coñecerse, nesta ocasión a proximidade das eleccións municipais seguro que non axudou para traballar con tempo, posto que os concellos son parte importante á hora de dar continuidade aos festivais. En Moeche aínda non teñen a data fixada, aínda que acostuma ser entre mediados e finais de agosto, e por iso a estas alturas tampouco hai ningún grupo programado. En Pardiñas tamén deben pechar o cartel de concertos, mais xa adiantaron que farán algo especial para conmemorar o seu corenta aniversario. Montarán un espectáculo, chamado Cantando as corenta, no que contarán con once músicos no escenario e a colaboración nas voces de, entre outros, Uxía, Susana Seivane e Kevin Weatherill, o compoñente de Immaculate Fools que botou raíces por aquela terra e xa sabe o que é actuar no festival. A cita musical ten marcadas como datas o 3 e 4 de agosto.

Ortigueira, o de maior sona

Non hai dúbida de que o festival do Mundo Celta de Ortigueira é o máis coñecido de todos. Existen informacións erróneas que falan de que esta será a súa edición número corenta e un. Eses son os anos que transcorreron dende a súa primeira edición, mais houbo uns nos que non se celebrou, polo que esta será a trixésimo quinta.

O xoves 11 de agosto escolleron como actuación principal a de Gwendal, unha banda que está lonxe dos seus mellores días. O día seguinte pisarán o escenario o gaiteiro Anxo Lorenzo, quen este ano gañou o PREMIO OPINIÓN ao mellor artista, e os excelentes Moving Hearts, un conxunto irlandés que é parte da mellor historia do folk do seu país e que conta cuns músicos de gran calidade. O sábado programan a Flook e os escoceses Shooglenifty, unha desas formacións ás que dá gusto escoitar en directo e que poden vir con novas pezas para os espectadores.

Pecharán o domingo cunha xornada propicia para os amantes das voces femininas galegas, ao contar con dúas actuacións destacadas de grupos que saben facer ben as cousas. As Leilía cumpren trinta anos de andaina e subirán ao palco acompañadas por tres músicos, se repiten o que fixeron hai unhas datas no teatro Colón, para compartir cos asistentes algunhas pezas significativas da súa traxectoria musical. Comezaron como grupo de pandereteiras e foron quen de incorporar con criterio a músicos que as acompañasen na súa proposta. Ese vieiro foi o seguido por Tanxugueiras, quen tamén estarán na vila coruñesa con varios músicos para acompañar as súas voces. O ano pasado debutaron discograficamente e foron moi ben acollidas, do que dan boa conta o alto número de concertos que realizaron. Este é un programa dobre moi xeitoso no que se poderá comprobar o valor do canto en feminino.

Dous festivais con moita tradición. Dentro da ruta festivaleira existen dúas propostas que tamén teñen unha longa traxectoria. A Carballeira de Zas terá lugar o 2 e 3 de agosto e entre os artistas destacados salientamos aos vascos Korrontzi, que farán bailar arreo aos alí presentes con esa música dominada polos son da triquitixa, ese acordeón diatónico que interpreta Agus Barandiaran, o líder do conxunto. Para que o programa colla forza tamén contan coas Tanxugueiras.

O Festival Intercéltico de Moaña chega á súa trixésimo quinta edición e, polo momento, só fixeron oficiais tres dos concertos que van programar. Subirán ao escenario a banda Habelas Hainas e o artista moañés Anxo Lorenzo, quen xoga en casa e que dende hai uns anos asesora aos organizadores e iso notouse na calidade da oferta programada. Un prato forte xa anunciado é o do acordeonista irlandesa Sharon Shannon, quen noutros tempos foi unha presenza bastante cotián nos escenarios dos festivais galegos. Acostuma acompañarse de moi bos músicos na banda coa que pisa os escenarios e ofrecerá unha ración dese folk irlandés que tan ben coñecen os searerios deste tipo de estilo. O festival vai ter lugar entre o 25 e o 27 de xullo.

Outras propostas. Tal como indicamos ao comezo deste artigo aínda temos a varios organizadores pechando actuacións para ofrecer o mellor programa posible aos espectadores. Dentro desa indefinición achamos a festivais que tamén deixaron a súa pegada ao longo da historia. A Esmorga Folk de Bandeira afrontará a súa trixésimo primeira cita e non se sabe a data de celebración. Tampouco se coñece a do Guísamo Folk, pero nos últimos tempos adoita ser a finais de agosto, outro festival con historia e que tería moita máis se non fose suspendido durante varios anos.

O Festival da Fraga en As Pontes, o 24 de xullo, contratou, entre outros, aos conxuntos galegos Boj e The Skarnivals.

Tamén teñen todo pechado os responsables da Noite Folk de Negreira, que contarán para o vindeiro 17 de agosto con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e co grupo Leilía, unha aposta decidida polos son máis tradicionais do noso país.Tamén existen nomes para a vixésima edición do Folk de Raíz de Callobre, que o 12 de xullo ten como puntos fortes os concertos de Treixadura e Sés, quen realizou este ano o seu disco que máis a achega á música de raíz.

O Festigal santiagués ten unha programación ecléctica e o 24 e 25 de xullo poderá escoitarse a Banda Basssotti, Dudecan e Güinterwan. En canto ao festival folk Fin do Camiño, que se organiza en Fisterra, os responsables indican nas redes sociais que xa pecharon as actuacións, mais aínda non fixeron pública ningunha contratación. No Asalto ao Castelo en Vimianzo, 6 de xullo, a actuación principal é a de Luar na Lubre.