Galicia volverá a contemplar por primeira vez nos últimos 70 anos e no seu territorio unha das esculturas máis emblemáticas da súa historia. Trátase de "Santa", unha peza monumental de Francisco Asorey, en madeira policromada. Esta poderá verse na expo "Galicia, un relato no mundo", que será a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 21. A data de inauguración, segundo informa a Xunta, será o 14 de novembro. O lugar, a Cidade da Cultura no Gaiás.

A "Santa" retornará grazas a alongadas negociacións da Consellería de Cultura coa Casa de Galicia en Montevideo, Uruguai. A peza causou grande estupor e mesmo polémica na súa época por mostrar unha deusa de corpo e faciana galega baixo o xugo que as vacas e bois levaban no pasado século. O comisario da mostra, Manolo Gago, resalta que é a escultura da que Asorey se atopa máis "satisfeito". Tamén destaca a "dignidade" coa que mostra a esta heroína da clase popular do agro galego.

Esta peza leva fóra de Galicia desde o ano 1951, cando foi enviada vía o porto de Vigo cara ó Uruguai tras ser adquirida pola Casa de Galicia en Montevideo. A súa presentación en Madrid a mediados de século antes da súa viaxe, provocou o aplauso de moitos pero tamén as críticas de outros tantos, mesmo Valle-Inclán. Con críticas ou sen elas, a escultura demostra por que é símbolo da identidade galega.