12 de octubre de 2019
12.10.2019
Música de Raíz

Cantareiras sen fronteiras

As galegas Ialma, radicadas en Bruxelas, fixeron dous traballos discográficos onde realizan colaboracións con músicos italianos, belgas, cataláns e vascos

12.10.2019 | 03:42
Foto promocional das catro mulleres que forman o grupo Ialma. | L.O.

As Ialma van sumando anos de traxectoria musical e xa teñen cinco disco editados. As nosas cantareiras levan moitos anos radicadas en Bruxelas e nos últimos tempos realizaron dous traballos conxuntos con outros artistas, dos que nos fala Marisol Palomo, unha das compoñentes do grupo galego. "Gaizca Project é un álbum que reúne a músicos galegos, cataláns e vascos. Viaxamos moito e atopámonos cunha chea de músicos e de aí xorden ideas, sempre estamos con moitas ganas de facer cousas con outros colegas". O xermolo do disco chegou hai tres anos, cando Iñaki Plaza as chamou para participar nun disco seu. "Despois convidounos a cantar nun dos seus concertos e xa tiñamos a idea de facer algo desde ese primeiro encontro. A Manu Sabaté coñecémolo hai tempo e decidimos abordar esta xuntanza musical entre as tres culturas, algo no que levabamos tempo cismando". Os outros músicos participantes son Ciscu Cardona e Nicolás Scalliet.

Era necesario que cada unha das tres músicas representadas tivese o seu espazo e lucisen no global da obra. "Estivemos traballando unha semana en Catalunya, que pasou axiña, e cadaquén traía pezas, tradicionais ou propias, da súa terra e así barallamos diversas ideas. Esa mestura de músicas e o intercambio musical xurdiu de xeito natural e fluído. Nós diciámoslles, en plan de chanza, que tocamos mellor a pandeireta ca eles e Verónica empeñouse en aprender a tocar a txalaparta, e agora tócaa con Iñaki no escenario". No disco existe algunha peza instrumental de Plaza, mais case todo é cantado e as únicas voces son as das Ialma, que deben interpretar con naturalidade en éuscaro e catalán. "Co idioma vasco é cuestión de memorizar e a musicalidade da propia canción sérvenos de axuda. É evidente que nos resulta máis doado cantar en catalán. Pretendiamos dar un valor ás linguas minorizadas e tiñamos claro que debiamos cantar neses tres idiomas, que en
realidade son catro porque tamén interpretamos un tema en aranés. Era necesario cantar cun gran respecto polas linguas. Cando actuamos en Burgos houbo xente que nos preguntou se eramos catalás e outros nos dicían se viñamos de Euscadi e iso deixounos contentas".

Entre as pezas galegas que se poden escoitar no álbum atopamos Árbore de canto, unha composición de Verónica Codesal, Alegría e Metoo, "que as escribiu Brais Fernández coa intención de interpretar con certo alento poético o que reivindicamos. Metoo fala de non ter medo.
Expresamos o mellor posible o que queremos dicir e a xente identifícase moito co que facemos, posto que nos escriben para poder acceder ás letras". O disco entrou de número 8 na lista World Music Charts Europe. "Considero que esa listaxe é unha referencia para os programadores de festivais e, polo tanto, importante. Dáche un punto engadido, xa que non é doado saír adiante cun proxecto novo, aínda que sexamos xente con traxectoria".

A conexión italiana. O outro traballo recente, no que as galegas contaron con colaboracións de músicos italianos, titúlase Alegria i liberta. "Todo provén dun encontro realizado hai dúas décadas, cando comezamos a nosa carreira, un momento no que a cantante italiana Lucilla Galeazzi nos animou a seguir cantando, pasase o que pasase. A ela chámana a Pasionaria da música tradicional en Italia. Cando escoitou a versión que fixemos do tema Voa a voa no noso último disco comentounos que xa era hora de facer algo xuntas". Estiveron con ela nun festival centrado no popular ritmo italiano da tarantela "e resultou bonito mesturala co ritmo das muiñeiras. Enriquece a nosa cultura poder mesturar a nosa música con outras. Nese álbum cantamos italiano mesturado con galego. Cos compañeiros italianos comprobamos que nos interesan as mesmas historias, compartimos algún ritmos musicais e, sobre todo, existen moitas ganas de facer cousas xuntos".

Entre os músicos que as acompañan está o acordeonista Didier Laloy, que leva moitos anos tocando con elas "e aínda que ten moitos proxectos na mesa, sempre nos di que ás Ialma non nos abandona". Carlo Rizzo e Maarten Decombel completan o elenco de músicos participantes no álbum. Esa obra tamén entrou na prestixiosa lista de World Music Charts Europe, ocupando o décimo posto.

Residindo na capital belga teñen unhas posibilidades diferentes, á hora de compartir experiencias, que os músicos residentes no noso país. Os seus contactos e colaboracións leváronas a lugares onde moi posiblemente nunca actuou un artista galego. "Adoitamos ir a festivais que reivindican culturas e identidades propias e que están interesados na música tradicional. Fomos a lugares onde era a primeira vez que escoitaban a lingua e música galega e iso é moi bonito para nós. Gústanos ser unha especie de embaixadoras de Galicia e dar a coñecer tamén outros artistas que temos, xa que posuímos un nivel musical grande e gústanos dar nomes de grupos e solistas galegos a quen nolo pide. Nos últimos tempos actuamos en 120 escolas belgas contando cousas sobre a historia de Galicia, a emigración e o Camiño de Santiago".

Elas son vistas como as galegas en Bélxica e as belgas en Galicia e por iso o tema da inmigración non lles resulta alleo. "Verónica compuxo unha música para unha letra de Rosalía de Castro que trata sobre ese tema. Identificámonos coa historia da emigración. A problemática nese tema é a perda de identidade. A poesía de Rosalía resulta plenamente actual e tócanos fondamente. O ano pasado actuamos no museo dedicado á escritora e foi algo importante para nós".

Senten moito que non lles saian máis concertos en terra galega. Durante o verán pasado só realizaron un bolo e quédalles a mágoa de non poder actuar máis. "A ver se saen máis cousas coa xira na que estamos embarcadas con Gaizca Project porque pensamos que sería importante escoitar ese proxecto na nosa terra".

Os dous discos foron editados polo selo Homerecords, "que adoita apostar pola música con moita raíz propia e agradecemos moito que traballen con nós e estean sempre interesados no que facemos".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario