Pór en valor o noso folclore.Esa é unha misión que desde a asociación cultural Xacarandaina sempre tiveron en mente e salientan a investigación como un dos seus grandes obxectivos "Nesa tarefa búscase a maior pureza e semellanza coa realidade e pretende ser unha ferramenta de transmisión da arte popular de Galicia", indican na súa páxina web.

Henrique Peón é director de Xacarandaina dende o ano 1982, cando só tiña dezaoito anos. "Levaba bailando dende os catorce e cando marcharon os directores houbo unha votación e saín elixido. Daquela xa daba clases e cos nenos levara algún premio en concursos. Foi unha tolería, non sei comome deixaron na casa. Dende aquela sigo nisto porque é algo que me encanta facer", di sorrindo. Non en van el é un dos referentes á hora de falar de persoas sobranceiras que pularon pola música tradicional galega. No momento de acceder ao cargo, a primeira decisión foi "cambiar o repertorio e comezar coas recollidas. Necesitabamos ter un repertorio propio".

O primeiro que chamou a atención de Xacarandaina foi a calidade dos seus bailadores, co seu recoñecible chaleco alaranxado, e bailadoras,

que movían os pés lixeiros e con moito estilo enriba dos escenarios. "Ao comezo pediamos prestados os traxes e chamabamos a algúns gaiteiros para que nos acompañasen no escenario. Era todo moi precario", lembra Peón.

Un momento clave para o seu posterior desenvolvemento chegou coa presenza no programa Gente Joven, de Televisión Española, posto que

gañaron varias veces ese concurso. "Esa participación deu nos visibilidade e un pulo grande. Influíu positivamente nas recollas. Creo que creamos unha conciencia en grupos doutras partes do estado de que compría facer recollidas canto antes porque os informantes morrían. Creo que aí se cambiou o chip no que atinxe ao folclore. Coido que no noso país tivemos sorte e os grupos que nos dedicabamos a isto recollemos practicamente todo. Ese foi un traballo moi importante. Deuse a coñecer unha realidade que estaba a piques de desaparecer. Hoxe en día xa non hai tanto informante. No tema do canto aínda pode haber, mais no baile resulta moi complicado porque son moi maiores".

Outo momento importante a nivel de prestixio veu determinado polo impacto causado coa súa actuación nas Xornadas de Folclore Galego celebradas en Santiago de Compostela. Xacarandina deu ao longo da súa historia aulas de baile tradicional galego, gaita, pandeireta e

canto, guitarra, acordeón, percusión, clarinete e ata de bailes latinos e salón, ademais de preparar outras actividades alén do terreo musical. Tamén organiza concursos prestixiosos e a faciana máis visible é a que desenvolven no escenario.

Éxito de público

Peón dirixiu varios espectáculos exitosos que poden gabarse de pendurar o cartel de entradas esgotadas nos auditorios nos que se representaron e a súa pretensión ao idealos foi facerver "que un espectáculo de folclore podía competir cos outros que se puñan a disposición do público e a asistencia de espectadores deunos a razón. Enchemos teatros coa nosa proposta. Coas representacións que montamos quixemos saír do tema puramente etnográfico e pór en valor o noso".

Xacarandaina 40 anos é o disco que editaron recentemente, un álbum no que aparecen músicas gravadas en catro anos diferentes. Recuperaron unha vella peza de 1981, cinco temas rexistrados en 1990, seis pezas realizadas en 2006 e rematan o repertorio elixido para a

ocasión con tres temas gravados en 2018. No traballo aparecen como protagonistas grupos de pandereteiras, pandereteiros (que agora tamén actúan en solitario co nome de Os do fondo da barra), gaiteiros e tanxedores de tamboril e bombo. Ademais, gardan un lugar para outros instrumentos, como son o acordeón, as cunchas ou tres metais (saxo, trompeta e tuba). A escolla de pezas semella moi axeitada. "Pretendemos incorporar o que mellor nos representaba naqueles momentos, que se vexa un percorrido artístico".

As cousas foron evolucionando moito nestas catro décadas. Sucedeu na música en xeral e no folclore tamén houbo mudanzas apreciables.

"Dentro dunha asociación folclórica, nós puxemos ao primeiro grupo de pandereteiras enriba dun escenario e quen me diría a min que, na actualidade, convocas un concurso deste tipo e apúntanse noventa grupos. Non ten nada que ver o que sucede hoxe en día aos tempos nos que comezou a asociación".

A procura da calidade artística en todo o que realizaban para os espectadores é un dos valores de Xaca,son coñecidos popularmente pola abreviatura do nome, e non sempre resulta doado, "posto que debemos renovar xente, xa que hai persoas que, por diversas circunstancias, deben deixar o escenario. Creo que os premios que nos concederon falan da calidade escénica acadada e iso exerce unha presión importante para mantermos ese nivel".

Ao longo destes anos acadaron tres premios internacionais polo seu bo facer en Bretaña, Eslovaquia e Hungría e se non saen máis ao exterior

"é por mor dos traballos dos membros do grupo, xa que iso imposibilita realizar algunhas viaxes. É unha mágoa que non exista en Galicia un grupo profesional que puidese levar o noso folclore polo mundo adiante sen depender de poder ter datas libres para realizar o desprazamento".

Henrique Peón considera que o labor efectuado pola asociación coruñesa nestas catro décadas foi sobranceiro. "Por dar un dato, nos Centros

Galegos que hai en diversos países bailan pezas das recollidas que nós fixemos. O realizado estes anos serviu para recuperar material importante".

O traballo despregado é constatable e amosa que Xacarandaina é un referente cultural que A Coruña pode, e debe, enxalzar. Ese traballo imprescindible para recuperar o noso pasado constituíu un gran paso para que a xente se concienciase do que posuíamos. O folclore galego é unha xoia que só necesita un bo escaparate para que se poida contemplar con gusto o seu valor.