12 de mayo de 2020
12.05.2020
La Opinión de A Coruña

Chaman a 'desconfinar' o galego polo Día das Letras

Queremos Galego presenta os actos para este domingo, marcados pola pandemia

12.05.2020 | 18:42
Manifestación na Quintana, hai dous anos // Xoán Álvarez

O coronavirus tamén levou por diante a tradicional manifestación polo Día das Letras Galegas, pero non vai apagar a reivindicación a prol do idioma propio. Ou iso pretende a plataforma Queremos Galego, que chama á sociedade a "desconfinar" a lingua este o 17 de maio, pendurando de xanelas e varandas a bandeira galega e cartaces co lema 'Precisamos do galego: xustiza, igualdade e cohesión'. No seu propio web ofrece materiais lustos para descargar e imprimir en diferentes formatos.

Queremos Galego explicou hoxe o seu programa de actos para este domingo, aos que convidou "a todas as persoas que queren a Galicia e que saben que a lingua nos fai ser e existir como pobo". As persoas usuarias das redes sociais poden participar partillando mensaxes escritas, vídeos, fotografías ou audios coas etiquetas #PrecisamosDoGalego #QueremosGalego #Eufalogalego.

Un pequeno grupo de persoas representantes das entidades que forman parte da xestora de Queremos Galego celebrará, o mesmo día 17 ás 11.30 da mañá, unha ofrenda floral no busto de Carvalho Calero de Santiago de Compostela, onde darán lectura ao manifesto, unha carta aberta a Carvalho da profesora Pilar García Negro. Levarán elementos de seguranza persoal e manterán o debido distanciamento.

"A lingua é cohesión social", recordou esta mañá en rolda de prensa virtual Marcos Maceira, voceiro de Queremos Galego, "unha lingua normal é falada por todas as persoas independentemente de calquera diferenza social, política ou de idade". Maceira denuncia a "inacción dos poderes públicos, galegos e estatais en relación ao galego" e esixe que se garanta "a presenza e a dispoñibilidade total do galego en todos os espazos e circunstancias: xustiza, ensino, administración pública, ambito socioeconómico, canles de información ou saúde".

"É incríbel", lamenta o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización, "que despois de máis dunha década de mobilizacións e da alerta por parte da sociedade da emerxencia lingüística que vive a nosa lingua, a Xunta insista en desprezar o galego". "O goberno galego deberíase avergoñar", abunda Maceira, "despois de recibir os posicionamentos do Consello de Europa e da ONU".

A plataforma cidadá reclama ao goberno da Xunta que actúe e que se poña á cabeza. "Ao actual e ao que viñer", apunta Maceira. "É obriga legal da Xunta, mais por riba de todo é unha necesidade para avanzarmos colectivamente coa cohesión social tan necesaria sempre e máis en momentos como o actual". "A sociedade non pode ficar soa na defensa da lingua", remata.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario