"Esta noite faleceu Darío Xohán Cabana, un dos grandes escritores da Galiza contemporánea, inmellorable tradutor da gran poesía italiana e occitana medieval e persoa comprometida co futuro da lingua galega e da propia Galiza", así comunicaba a Fundación Rosalía o pasamento do autor.

O escritor e académico lucense Darío Xohán Cabana faleceu este martes no seu domicilio tras unha longa enfermidade. Así o confirmaron fontes do Concello de Lugo, lugar onde traballou como funcionario de Cultura ata a súa xubilación.

O autor de 'Galván en Saor' contaba con 69 anos de idade e era natural da parroquia de Roás no Concello de Cospeito (Lugo), aínda que actualmente residía na parroquia de Roméan na cidade de Lugo.

O escritor cultivou multitude de xéneros, como a poesía, o ensaio e a tradución, ingresou na Real Academia Galega en abril de 2006, onde ocupou a vacante de Manuel María.

Tamén foi un activista político vinculado ao nacionalismo galego, en Esquerda Nacionalista, a Unión do Povo Galego ou a FPG.

Darío Xohán Cabana xubilouse como funcionario , como responsable das comunicacións na área de Cultura, despois de ser o encargado da xestión do auditorio municipal Gustavo Freire.

Foi o autor de medio cento de obras , como "O cervo na torre", "Morte de rei", "Mitos e memorias", a antoloxía de "Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo". Tamén destacan as súas tradución de "La Divina Comedia", que lle valeu a Medalla de Oro da cidade de Florencia, e "Vida Nova de Dante".

Ademais, recibiu unha ducia de premios e recoñecementos nos que se atopan o de Poesía Cidade de Ourense, o Xerais de novela, o Barco de Vapor, o Cidade de Lugo ou o Martín Códax.