¿Quen lles ía dicir a Olaia e Sabela Maneiro e Aida Tarrío aquel 19 de agosto de 2016 que a penas seis anos despois serían o grupo de moda non só en Galicia, senón en toda España e mesmo parte do estranxeiro? Tanxugueiras, que debutou aquela noite no Esmorga Folk, goza hoxendía dun masivo apoio popular para actuar o vindeiro 14 de maio no escenario do Pala Alpitour de Turín (Italia) como representantes de España en Eurovisión. Aquelas tres rapazas están difundir coma nunca antes a tradición musical galega, e A Bandeira pode dicir con orgullo: Todo comezou aquí.

O Esmorga Folk nace en 1989 froito do esforzo dun grupo de mozos e mozas do pobo da Bandeira, amantes da música tradicional que vían como co paso do tempo esta se deterioraba e quedaba no esquecemento. Faino encadrado dentro das festas da localidade e facéndoo coincidir coa xa consolidada Festa da Empanada. Por el pasaron grupos moi prestixiosos e algúns mesmo deron alí os seus primeiros pasos. É o caso do trío de moda no actual panorama musical ibérico.

As propias artistas lembrarían un ano despois a efeméride en redes sociais: “Cómo pasa o tempo! Hai hoxe xusto un ano Tanxugueiras estaba no seu primeiro festival, o inesquecible Esmorga Folk”, escribían no seu perfil de Instagram, acompañando as súas verbas cun emoticono que refrendaba o seu cariño e agradecemento para coa cita bandeirense por darlles a súa primeira oportunidade de mostrar o seu talento ao público en vivo sobre un gran escenario.

Tanxugueiras, después de clasificarse en la final del Benidorm Fest 2022. RTVE RTVE

E, de feito, non sería a última vez das Tanxugueiras na Bandeira. So dous anos despois, en 2018, recuncarían co gallo da trixésima edición do festival. Naquela segunda cita formaban parte dun cartel no que tamén estaban Treixadura, Leilía e Faíscas da Pontraga. Desde la Asociación de Amigos da Empanada aproveitan para pedir á vila da Bandeira que no día de mañá vote masivamente ao trío galego no Benidorm Fest, porque “elas son tamén parte do noso pobo e do Esmorga Folk, un festival que continuará a apostar pola nosa música, cultura e tradición”, valora o seu vicepresidente, Luis Villanueva.

Pero as Tanxugueiras non é a única conexión que o Esmorga Folk garda co certame de Eurovisión. En 2019 Lucía Pérez, que fora a representante española no concurso europeo de 2011, actuou xunto co grupo A Roda na que, ata o momento, é a última, que non a derradeira, edición deste festival.