Galicia amencía hoxe co pensamento e os sentimentos divididos. Aconmemoración do Día das Letras Galegas estivo marcada pola homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán, unha conmemoración que debera ter tinguido de festa e reivindicación a toda a comunidade galega, pero o certo é que o mundo da cultura e a sociedade en xeral non pode evitar manter a súa atención na evolución do escritor galego Domingo Villar, que arestora continúa loitando pola súa vida na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, onde permanece hospitalizado dende onte tras sufrir un infarto cerebral.

A nova do seu ingreso no hospital conmocionou á sociedade galega, que xa onte inundou as redes sociais con mensaxes de apoio e agarimo cara o autor. Así, escritores, xornalistas, libreiros, políticos e, por suposto, os seus lectores, encheron as plataformas dixitais de mensaxes cos que quixeron dar azos ao literato, desexando a súa pronta recuperación. Esta vaga de agarimo e admiración continuou durante a xornada de hoxe, boa proba do querido que é Villar entre os seus, pero tamén entre aqueles e aquelas que tan só se achegaron á súa persoa a través das súas novelas, referentes do xénero noir en Galicia.

Entrañable, profundamente bo e leal, "un tipo" cun corazón enorme no que ten cabida todo o mundo, contaxiosamente optimista, "escritorazo", agarimoso ou retranqueiro. Son algunas das descricións verquidas nas redes sociais por aquelas persoas que o coñecen ou tiveron a oportunidade de compartir alomenos algunha sinatura de libros ou presentación. Entre as mensaxes más destacadas no día de hoxe, atópanse aquelas coas que os seus lectores quixeron enviarlle folgos lembrando ao seu personaxe por excelencia, o inspector Leo Caldas, e algúns escenarios nos que se desenvolven as tramas das súas obras, como a Taberna do Eligio.

Entre algúns dos chíos que se puideron ler durante a xornada de hoxe, tamén atopamos algúns como o que segue: "A mesa do inspector Leo Caldas na Taberna Eligio está baleira, agarda impaciente que volva da man do seu creador, o gran Domingo Villar". Así mesmo, outras referencias á súa obra: "Gardo O último barco como ouro en pano, asináchemelo na Feira do Libro de Vigo, ao igual que Ollos de auga e a Praia dos afogados. Leveichos ao Eligio e ti, co agarimo de sempre, dedicáchesmos. Loita, Domingo Villar, querémoste e necesitámoste" ou "Anda o detective Leo Caldas nunha nova pelexa. Seguro que coma sempre acada a pista para vencer. Ánimo, Domingo, que desta saes!". O shock e a fonda tristura pola nova quedaba patente no seguinte chío dunha lectora: "Eu estou chorando ó igual que o teu querido Leo Caldas. Qué inxusta é a vida. Rema Domingo, rema, que queremos seguir disfrutando das túas letras, por favor!!!".

As mostras de agarimo traspasaron novamente a fronteira galega e nas redes sociais tamén se puideron ler mensaxes correspondentes a internautas do resto de España, tales como o dun mestre de Literatura da Universidade de Murcia, que sinalaba que "O meu admirado escritor Domingo Villar, un dos mellores autores españois da novela negra, está na UCI en grave estado. Todo o meu apoio e ánimo para el, para que volva á actividade e á literatura"; ou o dunha lectora castelá que indicaba que "Hoxe, Día das Letras Galegas, non podo máis que pensar en Domingo Villar, agardo que se recupere e todo sexa un susto, é un dos meus autores favoritos e o culpable de que me apaixone a literatura galega".

No mundo do xornalismo e da cultura, tamén enviaron mensaxes afoutos persoas como Cristina Consuegra, xestora cultural do Festival de cinema de Málaga, quen apuntaba que "Domingo é un home profundamente bo e leal. Desinteresado, que sempre suma. Dunha tenrura infinita. Non coñezo a moitas persoas coma el. Forza e ánimos para os seus". Dende Pamplona, unha xornalista sinalaba que "a retranca galega de Mincho fai mellor un día moi duro. Oxalá poida resistir". En Galicia, o director xeral da editorial Galaxia, Francisco Castro, tamén se sumou ás mensaxes de agarimo e escribiu, por onte: "Hoxe, no Corte Inglés, tiña que ler un texto meu para celebrar o Día das Letras Galegas. Pero lin un conto de Domingo Villar. O noso corazón, con el". Así mesmo, o crítico galego de cinema e escritor Miguel Anxo Fernández puxo nas redes o seguinte chío: "Domingo Villar, grande da nosa "policial. Leo Caldas vaino sacar deste apuro. Coincidimos varias veces e aí deixo unha foto, cando o Fugas xunto ao seu Leo Caldas e o meu Frank Soutelo, no Elixio vigués. Sairás desta".

O mundo da política non quixo ser menos e dende o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a Gonzalo Caballero, Marta Rivera ou Nadia Calviño, tamén amosaron nas súas contas das redes sociais a súa profunda admiración polo escritor vigués e enviaron os seus mellores desexos ao literato.

A sociedade galega agarda a pronta recuperación do escritor vigués, pois coida que Domingo Villar aínda ten "moitos mares por percorrer, moitos barcos por coñecer e moita xente que namorar" coa súa pluma e co seu carácter.