O Festival de Cans finalizou este sábado coa Gala de entrega dos Premios da súa XIX edición con Rompente, de Eloy Domínguez, Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Touceda, e As pétalas murmuran, de Arantxa Ramos, como triunfadores na categoría de Ficción, Furacáns e Nova Camada.

O realizador do Salnés, Eloy Domínguez, que o ano pasado xa levantara o 'Can de pedra' por 'Os Corpos' na sección 'Furacáns' de curtos de non ficción, triunfou este ano en Ficción con 'Rompente'. O xurado destacou "a capacidade de enunciar unha realidade desde a limpeza da mirada" desta obra, que acaba de recibir tamén o premio a mellor curta no Festival de Málaga.

Rodada en diferentes localizacións na Costa da Morte, a película relata a historia dunha parella adolescente cun bebé, que loita por saír adiante. Está protagonizada por dous mozos da zona non profesionais da interpretación.

Así mesmo, Diana Toucedo, galega residente en Barcelona e directora da premiada longametraxe 'Trinta Lumes', conseguiu o premio para a súa curtametraxe 'Tatuado nos ollos levamos o pouso'.

Esta curta, que retrata o traballo das mariscadoras de Cesantes, nas proximidades da illa de San Simón, foi valorado "pola cadencia das imaxes e o ritmo que imprime o deseño sonoro, achegando unha visión singular e poética sobre o traballo das mariscadoras".

Por outra banda, 'As pétalas murmuran' foi a curta vencedora na sección 'Novas Camadas', de realizadores que realizan a súa primeira obra e son menores de 25 anos. A súa directora, Arantxa Ramos, fixo este documental "como un traballo de fin de grao da facultade de Comunicación da USC". Neste caso, o xurado destacou a súa aproximación á memoria e o tratamento dos procesos migratorios.

Ademais, o xurado outorgou o premio á Mellor Dirección a Lois Patiño e Matías Piñeiro por 'Sycorax' "pola súa capacidade para estruturar unha proposta orixinal desde a converxencia de dúas miradas creativas".

Santi Prego fíxose co galardón a Mellor Actor "pola riqueza e variedade de rexistros que van da comedia ao drama", en 'Devoradora de nenos'. O premio a Mellor Actriz recaeu en Violeta Gil, polo seu papel en 'Así virá a noite', de Ángel Santos.

Outro dos premiados nesta edición do Festival de Cans foi a banda sonora de 'Sauerdogs', composta pola gañadora dun Goya Zeltia Montes. O premio a Mellor Fotografía foi para Mauro Herce, por 'Sycorax' e o Mellor Guión levouno o realizador de Marín Ángel Santos.