Investigadores da Real Academia Galega visitaron Buño (Malpica) a comezos do século XX e anotaron as coplas, as cancións que lles cantou Dolores Cancela Pérez, Dolores da Margarida, que entón tiña 17 anos, e que se publicaron nun boletín en 1911. Un século despois, da man do mestre e filólogo malpicán Xosé Manuel Varela, recuperouse ese traballo. O Cancioneiro de Buño é un volume que edita Embora con 84 coplas que supón preservar unha xoia cultural. “Moitas desas coplas xa desapareceron, xa non se cantan, non se sabe cantos anos poden ter”, explicou Varela onte, cando se presentou o libro na sede da Real Academia Galega en A Coruña, con presencia do presidente Víctor Freixanes e alumnado de Primaria do colexio de Buño Joaquín Rodríguez Otero e do de Milladoiro (Ames), ademais do alcalde e a o concelleira malpicáns.

Neste cancioneiro aparecen coplas pouco coñecidas como a que lembra como se levaba unha virxe de Malpica a Coristanco para rogar que chovese: “Quen é aquela Señora que vai pola Cruz de Agrelo?/ É a virxen de Leiloio que vai ver a de Cereo”. O libro complétase con fotografías de Antonio Fernández dos homes e mulleres de Buño que seguen a traballar nos seus alfares.

Freixanes destacou que nas coplas populares residen “as esencias da nosa tradición e da nosa lingua” e salientou tamén que con este libro se quixo “dignificar a literatura popular galega”, versos que se cantaban e bailaban e pasaban de xeración en xeración.